O belén da capela da Orde Terceira de Ferrol manterase ata o 2 de febreiro polo oitavo centenario

O belén da capela da Orde Terceira de Ferrol manterase ata o 2 de febreiro polo oitavo centenario
O belén ubícase na capela, baixo a imaxe de San Francisco I JORGE MEIS

O pasado decembro cumpriuse o oitavo centenario da primeira representación dun belén, que se lle atribúe a San Francisco de Asís na gruta de Greccio (en Rieti, unha provincia da rexión italiana do Lazio) no Nadal de 1223. Por este motivo o papa Francisco concedeu a indulxencia plenaria –unha figura relacionada cos pecados e a penitencia– aos que visiten as igrexas franciscanas e recen diante dos pesebres. Isto está dispoñible desde o pasado 8 de decembro, festa da Inmaculada Concepción, ata o vindeiro 2 de febreiro, festividade da presentación de Xesús no templo.


Na Diócese de Mondoñedo-Ferrol inclúense varios templos. É o caso, en Viveiro, dos nacementos da capela da Terceira Orde Franciscana e da igrexa das Concepcionistas. Pero tamén na cidade naval se pode cumprir con este xubileo e, por iso, o belén que está instalado dentro da capela da Orde Terceira –non o de Alfredo Martín, senón o da igrexa, ao pé do santo– permanecerá instalado durante todo o mes de xaneiro, coa intención de facilitar a consecución da indulxencia plenaria aos crentes. 


En calquera caso, tamén está dispoñible para que o poidan visitar as persoas que teñan interese neste nacemento, cheo de detalles e de traballo.

O belén da capela da Orde Terceira de Ferrol manterase ata o 2 de febreiro polo oitavo centenario

Te puede interesar