Böj, a banda ferrolá de folk, busca axuda para dar a luz o seu “Hora Zulú”

O traballo que teñen entre mans está a un paso de acadar o financiamento mínimo para saír
Böj, a banda ferrolá de folk, busca axuda para dar a luz o seu “Hora Zulú”
El grupo ferrolano Böj | Cedida

Esta é a primeira vez que o grupo local de folk atlántico Böj realiza unha campaña de crowfunding, que se dedicará á autoprodución do seu disco “Hora Zulú”, un traballo enriquecido coa participación de seis artistas de prestixio. A iniciativa atópase a piques de acadar a cantidade mínima para poder levar a cabo o proxecto, polo que a banda anima a colaborar propoñendo até dez recompensas segundo a doazón.


“Hora Zulú” constituiría o segundo traballo de Böj, sen contar a  maqueta coa que se estrearon. Nesta ocasión, a campaña orixínase despois da anterior experiencia con “Lúa”, na que tiveron que realizar unha importante inversión e, ao coincidir coa pandemia, “para recuperarnos dese disco costou moito”, indicou Ricardo Mouriño, que se ocupa das gaitas, frautas e whistles. O cuarteto complétase con Fausto Escrigas no bouzouki e tamén nos whistles, Rubén Gómez na guitarra e Pablo Vergara no bodhram.


A primeira maqueta, aínda que non esquecía as melodías galegas, realizouse en grande medida “mirando cara o norte”, tamén polos membros irlandeses que integraban o colectivo naquel tempo. O camiño polo que continuou o proxecto foi achegándoo a unha dimensión máis persoal e xa en “Lúa” integraron as súas propias composicións, a diferenza do anterior traballo, que se enfocou en músicas tradicionais.

 

Colaboracións


En “Hora Zulú”, Böj sobe un chanzo máis e consegue “unha sonoridade que a nós nos representa, que está influenciada por toda a contorna de músicas folk atlánticas”, continúa o gaiteiro, referíndose a toda a comunidade cultural que une terras tan dispares como a galega, asturiana, bretoa, escocesa ou irlandesa.

 

 

Así, tal como explica Mouriño, os temas que recolle esta selección son o resultado dunha evolución como banda, incluíndo dende composicións propias até “un par de temas que son arranxos sobre melodías tradicionais galegas”


Un dos puntos fortes son as colaboracións que realizan no disco María Jorge, Óscar Fernández, Cibrán Seixo, Luis Peixoto, Matthew Ward e Anxo Lorenzo. Trátase de artistas cun importante percorrido cos que xa traballaron e con cuxas músicas se senten identificados. Precisamente, para o pasado Festival do Mundo Celta de Ortigueira a banda tiña preparado un concerto especial no que participaría todo este colectivo, que non puido levarse a termo por mor da chuvia, cancelando unha sesión que pecharía a edición de 2024 do evento.


Por outro lado, o nome do disco, que se refire á zona horaria do meridiano de Greenwich, corresponde coa filosofía internacional de Böj, ademais de ser un concepto que leva acompañando ao proxecto á hora de ir anunciando os seus concertos.

 

 

Nun período de vinte días e por medio de 96 aportacións, a agrupación atópase a menos de cen euros de obter a cantidade mínima de 3.500, que en caso de non acadar, deberán devolver os cartos aos voluntarios e cancelar o proxecto. Os interesados en doar poden realizalo a través deste enlace.

 

Recompensas


As achegas de entre 9 e 1.000 euros levan consigo unha serie de beneficios que van dende a descarga do disco até un concerto privado, pasando por opcións que inclúen artigos promocionais. De todos os xeitos, “Hora Zulú” está incluido en todas as recompensas como forma de agradecer o esforzo dos voluntarios. 

Böj, a banda ferrolá de folk, busca axuda para dar a luz o seu “Hora Zulú”

Te puede interesar