O BNG pide a declaración de fillo predilecto para Benito Vicetto

Presentará a moción promovida por Medulio e Ferrolterra Antiga
O BNG pide a declaración de fillo predilecto para Benito Vicetto
Rivas e Montero presentaron a moción en presenza dos representantes de Medulio e Ferrolterra Antiga I Cedida

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou na mañá deste mércores unha moción para o seu debate no pleno ordinario deste mes na que, entre outras cousas, pide a declaración de fillo predilecto para Benito Vicetto (1824-1878), historiador, escritor e xornalista. En maio cúmprese o bicentenario do seu nacemento, efeméride que a formación que lidera Iván Rivas considera unha oportunidade para "pór en valor a importancia que a súa obra tivo para Ferrol e para Galiza". 

 

Así, o voceiro nacionalista considera que a declaración de fillo predilecto do polifacético ferrolán é "unha débeda histórica" cun dos "referentes" da cidade e, por iso, cre "fundamental que o Concello apoie iniciativas como as que están a promover Medulio e Ferrolterra Antiga para reivindicar a obra e a figura" dunha persoa "moi recoñecida no seu tempo" que fixo "da súa vida un proxecto colectivo". Referiuse Rivas concretamente á súa "Historia de Galicia", sete tomos impresos na cidade (Taxonera) que teñen o valor de "situar Galiza como suxeito histórico de seu, desde a perspectiva da realidade galega". 

 

Rivas apuntou que o feito de que en 1900 se lle puxese o seu nome á antiga rúa do Cárcere Vello en Curuxeiras ou de que o seu sexa un dos bustos instalados no parque Raíña Sofía dan conta da "relevancia" que tivo no seu tempo e mesmo despois, aínda que lamentou que "nas últimas décadas a súa presenza caese no ostracismo, no abandono e no desleixo por parte das administracións". 

 

Así, e coa perspectiva de que Ferrol "recupere o orgullo propio", o BNG, recollendo a proposta de Medulio e Ferrolterra Antiga, insta na moción a reverter esta situación e pediralle ao conxunto da corporación medidas encamiñadas a tal fin, como a restauración do busto do parque, a colocación dunha nova placa na rúa que leva o seu nome, revisar o estado da súa tumba no cemiterio de Catabois e organizar en maio unha exposición cos fondos que sobre Vicetto se conservan na Biblioteca Central. 

 

Antonio Casal, secretario de Ferrolterra Antiga, explicou que ademais da acción rehabilitadora da memoria de Vicetto que se está facendo a través das xornadas no Hospicio, que terán continuidade en abril e maio, é "moi importante que o Concello se signifique e participe". Dese xeito sinalou que a figura de Vicetto é chave para o galeguismo, como elo entre o provincialismo e o rexionalismo. Con todo, aínda que a "Historia de Galicia" é a súa obra máis importante, "na que investiu tanto tempo, esforzo e cartos", Casal non quixo esquecer as outras facetas, como a literaria, con títulos moi sonados na época como "Los hidalgos de Monforte". "Ter esta figura en Ferrol é un motivo de orgullo", subliñou o representante de Ferrolterra Antiga.

 

Nesa liña se manifestou tamén a presidenta de Medulio, Elia Rico, cando destacou as relacións de Vicetto coa intelectualidade da época, desde Murguía até Juana de Vega ou Emilia Pardo Bazán, e expresou a súa confianza en que o texto e as propostas sexan ben acollidas polo resto dos grupos municipais.

O BNG pide a declaración de fillo predilecto para Benito Vicetto

Te puede interesar