Carla Romalde, cantante de Zavala: “Imos ser máis drásticos coa reivindicación social, defendendo colectivos marxinados pero dun xeito máis colérico”

O grupo acaba de pechar un capítulo co seu segundo disco, que se presentará cun concerto en Canido, onde fora o seu debut, o 17 de maio
Carla Romalde, cantante de Zavala: “Imos ser máis drásticos coa reivindicación social, defendendo colectivos marxinados pero dun xeito máis colérico”
A música no teatro Jofre, un escenario onde xa actuou con outro proxecto e agora ansía subir con Zavala | DANIEL ALEXANDRE

As transformacións definen o proxecto de Zavala, un grupo que a crítica adoita definir como un dos máis vangardistas do panorama e no que se integra a cantante e frautista ferrolá Carla Romalde. Esta música expresa as ganas que tiñan de sacar o seu segundo traballo con Ferror Records, “Pequeno Manual Para Grandes Cambios II (Teoría e Práctica)”, que viu a luz a finais do pasado mes de marzo e xa ten data de presentación na cidade: o 17 de maio en Canido.


Foi neste barrio onde, un domingo á hora do vermú, Zavala realizou o seu concerto debut e onde xurdiu o que sería unha “conexión absoluta”, en palabras da cantante, que levou á banda a camiñar da man deste selo local, unha man que agarda non soltar en moito tempo. Por iso, este concerto no Día das Letras Galegas, no que tamén actuarán outros proxectos e rematará en foliada, será un dos máis especiais xunto á data aínda pendente no teatro Jofre, “o soño de calquera ferrolano ou ferrolá”, sinala Carla Romalde, que xa coñece este escenario pola presentación, cando tiña soamente 19 anos, do disco “Reencontros no tempo”, co pianista Iago González.


Zavala está integrado, amais da ferrolá, por outros tres músicos de distintas zonas da Coruña: Elena Zas (piano e coros), Víctor Ledo (composición, guitarra e electrónica) e Carlos Castro “Kos” (electrónica, produción e deseños audiovisuais).


Este segundo lanzamento que se dará a coñecer en Canido constitúe unha continuación do primeiro en canto a trazos como as texturas ou a liña temática, coa incorporación das cantareiras Atalaias de Caión nalgúns temas, como é o caso que se dedica á parroquia Santa Marta de Ortigueira. Con esta colaboración traballan en novos formatos para esta xira, de xeito que poidan participar nalgúns dos concertos segundo as características, despois da estrea conxunta de hai uns días, realizada por sorpresa, nun dos directos que organiza Sofar Sounds en ambientes innovadores da Coruña.


E como encaixa a tradición nunha música como a de Zavala, que dista tanto doutras correntes como a que ás veces chaman “neotrad”? “Somos moi eclécticos”, describe Carla Romalde, polo que para mostrar toda esa versatilidade nos dous primeiros traballos publicados foi preciso engadir trazos como os que caracterizan “Retrouso do Barqueiro” e que confrontan con outros como “Neptuno”.


“O que vén gústanos moito”, adianta a voz do grupo, sobre un terceiro traballo que non poderá tardar moito, dado que xa teñen algunhas gravacións feitas. Os cambios serán radicais nesta ocasión, a nivel estilístico, instrumental e vogal, mantendo a constante da conceptualización: o terceiro, cuarto e quinto disco formarán unha triloxía con tintes literarios na que a electrónica cobrará aínda máis protagonismo. Así mesmo, Carla Romalde avanza que unha das grandes diferenzas será a mensaxe, na que “imos ser máis drásticos co tema reivindicativo social, de seguir apostando pola defensa dos colectivos máis marxinados pero dun xeito máis colérico”.


Xa non son soamente as letras as que vinculan a conciencia social co proxecto de Zavala. A música do segundo disco forma parte da banda sonora do documental “Adeus vista dos meus ollos”, dirixido por Marisa Moreda, que se está presentando por distintos puntos de Galicia. Nun dos actos do filme puido participar a cantante ferrolá, en Vilagarcía, ao que “auguro moitos éxitos: é un tema que xa lle din que pode chegar moi lonxe porque se ten que falar diso”, sinala sobre as perspectivas do alumnado migrante protagonista. 

Carla Romalde, cantante de Zavala: “Imos ser máis drásticos coa reivindicación social, defendendo colectivos marxinados pero dun xeito máis colérico”

Te puede interesar