Carlos Núñez: “A música celta está a vivir unha nova alborada, unha reconexión”

O músico vigués presenta mañá domingo no Jofre "Celtic Sea"
Carlos Núñez: “A música celta está a vivir unha nova alborada, unha reconexión”
Núñez, nunha imaxe cedida por Brittany Ferries

Volve, como cada Nadal, o gaiteiro Carlos Núñez a Ferrol, desta volta para presentar o seu último traballo discográfico, “Celtic Sea”, xurdido da súa colaboración coa Brittany Ferries, que lle encargou unha sinfonía e mais un himno celta que soarán en todos os barcos da compañía. No concerto de mañá no Jofre –19.00 horas– sortearase unha viaxe a Irlanda entre os asistentes, por cortesía dunha navieira moi comprometida co atlantismo.

 

Que momento está a vivir a música celta? 
Unha nova alborada, unha posta ao día e unha reorganización. Creo que o Atlántico está a espertar e o sentimento é que hai que reconectarse. Hai momentos en que cada país tende a pecharse no seu, pero hai outros incribles nos que de súpeto se produce esa conexión que chamamos interceltismo. Nos momentos de baixón da moda pode parecer puro romanticismo, pero é unha oportunidade económica e cultural que está a espertar. Todo o que sexa unir, facer equipo, é moi propio do mundo celta.


Nesa cultura común con outras nacións atlánticas, a música é hoxe o elemento máis recoñecible? 
Por este movemento do interceltismo pasaron todos os grandes de Galicia porque abrangue todas as artes. É algo extraordinario e intemporal, algo que reivindicamos con este disco, como é unha viaxe pola xeografía, por eses portos atlánticos que une Brittany Ferries, pero tamén no tempo. Hoxe xa sabemos como era o son daquelas liras atlánticas da Idade do Bronce; xa sabemos que houbo unha continuidade dende a época dos dolmens e menhires, toda unha cultura marítima; utilizamos músicas que foron recollidas polos bardos en Gales, grazas ao manuscrito recompilado por Robert ap Huw, esas músicas que os bardos agochaban e transmitían oralmente entre eles porque non querían que caesen nas mans de músicos aproveitados. Robert ap Huw transcribiu ese manuscrito que contén 24 patróns de acordes, igual que o pop, o trap ou a música barroca teñen os seus. Este é a base na que nos inspiramos para facer toda esta sinfonía, códigos binarios con 0 e 1, un sistema compositivo de tensión e non tensión coñecido como “dou-ble tonic”, e tamén buscamos un ritmo común para todo o Atlántico,  un compás de seis por oito.

 

O mestre Fernando Dopico fala da importancia de que a música estea contextualizada. É imprescindible que o músico sexa tamén investigador da tradición? 
Dopico é un gran mestre e comparto a súa opinión. Sempre houbo artistas máis e menos curiosos. Como di o director de Brittany Ferries, Christophe Mathieu, o Atlántico non é como a música pop; o Atlántico hai que merecelo, hai que traballar por el, hai que defendelo e construílo se queremos facelo internacional. Ese esforzo de facer música celta en clave internacional do que sempre falaba Paddy Moloney (The Chieftains): “Carlos, non penses  só no teu pequeno país; pensa no mundo”. No meu caso é indispensable esa busca. A tradición pódete levar á repetición ou a facer cousas novas con ela, a seguir creando, a pensar no futuro. Adico unha gran porcentaxe das horas do día á investigación e non deixo de sorprenderme.

 

Como se sobrevive aos cambios radicais nos gustos musicais? 
Que é máis difícil: chegar ou manterse? Pois seguramente as dúas cousas. Cando viña de facer as primeiras xiras nos Estados Unidos con The Chieftains ofrecéronme un contrato incrible. Houbo que elixir, pero desde o inicio queriamos unha carreira longa, queriamos construír... E creo que foi un acerto. Nos 90 houbo unha sensación de oportunismo, semellaba que todo o mundo trataba de sacar proveito da moda da música celta, e a nosa intuición foi que a ían queimar porque estaba collendo unha vía moi superficial e comercial. Fuximos diso e decidimos sementar fóra. Discograficamente, despois de “A irmandade das estrelas”, o normal tería sido facer unha segunda parte, repetir a fórmula, pero optamos por outra cousa. Estivemos tres anos gravando o segundo disco cos mestres da música celta e do flamenco. Sufrimos as críticas, levamos paos, pero sempre tivemos claro que había que construír, construír cara a fóra, con ese obxectivo de internacionalizar a nosa música. E niso o meu mestre foi Paddy Moloney. 

Carlos Núñez: “A música celta está a vivir unha nova alborada, unha reconexión”

Te puede interesar