Os centros escolares xa son padriños das seis rondallas que existen na cidade ferrolá

Unha vintena de colexios foron os protagonistas do acto de onte, cando tamén se inaugurou unha exposición
Os centros escolares xa son padriños das seis rondallas que existen na cidade ferrolá
Un dos momentos do acto no auditorio de Afundación | CEDIDA

A sede de Afundación foi o martes o escenario dun dos principais eventos enmarcados nas I Xornadas Escolares As Pepitas, con motivo do apadriñamento dos centros educativos ás rondallas de Ferrol. Trátase dunha iniciativa que se organizou por primeira vez este ano e que pretende garantir a transmisión xeracional desta tradición, así como apoiar o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Nacional –FITN– á celebración que se conmemora cada 18 de marzo.


Unha representación de cada unha das agrupacións do concello reuniuse con centenares de alumnos e mestres. Estes lles entregaron unha escarapela por centro para ser colocada no seu estandarte. Estas creacións estarán expostas no edificio de Afundación até o xoves 19 de decembro. Ademais, o acto tamén contou coa presenza da delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e da concelleira de Turismo, Maica García.


Os novos padriños son os centros Jesús Maestro, San Rosendo e Juan de Lángara, da rondalla Añoranzas; Pazos, Valle Inclán 1 e Ludy, de Club de Campo; La Salle, Ledicia e Belén, de Bohemios; Ángela Ruiz, Sagrado Corazón, Ponzos e Cruceiro de Canido, de Sonidos del Alba; Tirso de Molina, A Laxe, Cristo Rey e San Xoán de Filgueira, de Só Elas; e por último, Compañía de María, Lestonnac e Esteiro, de Son do Mar.


As I Xornadas Escolares As Pepitas, que están financiadas pola Axencia de Turismo de Galicia e organizadas por Cites Ferrol, inclúen a creación da primeira escola de rondallistas da cidade. Tal como indicou Aneiros, a Xunta incrementou as axudas ás FITN até os 500.000 euros, así como o apoio para cada un dos beneficiarios, que pasan de 3.000 a un máximo de 4.000 euros. 

Os centros escolares xa son padriños das seis rondallas que existen na cidade ferrolá

Te puede interesar