O certame Poesía e Imaxe cumpre 25 anos de compromiso co galego

Todos os centros de ensino non universitario poden concorrer cos seus proxectos artísticos e audiovisuais
O certame Poesía e Imaxe cumpre 25 anos de compromiso co galego
Un instante do acto de entrega de premios da pasada edición, no centro cultural Carvalho Calero | JORGE MEIS

“En galego, sen filtro” é o sobrenome do certame de Poesía e Imaxe que organiza a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística co Concello de Ferrol e que mañá abrirá o prazo de entrega de candidaturas. A proposta, que cumpre a súa XXV edición, fomenta a creación artística, en diversos formatos, a partir dun conxunto de poemas en distintas linguas do planeta, traducidas ao galego.


Os cadros seleccionados para este concurso embelecen dende fai 25 anos os corredores de numerosos centros de ensino da comarca, que custodian as obras tras ser expostas no centro cultural Carvalho Calero, ademais de recibir un libro conmemorativo.


Non obstante, dende hai arredor de dez anos, o físico non é o único formato co que se pode participar, xa sexa debuxo, pintura, colaxe ou fotografía. A modalidade B, de audiovisuais, inclúe imaxes, vídeos, sons ou música orixinais, aínda que tamén poden ser arquivos de uso libre e non comercial, cunha duración máxima de cinco minutos. No caso de que saian menores, haberá que contar con autorización do titor. Os traballos deberán estar aloxados nun servizo dixital ou anexar unha ligazón a velaqui.gal.


As creacións deberán inspirarse nunha serie de poemas internacionais, entre os que se atopa unha cantiga popular en referencia á homenaxe das Letras Galegas deste ano, propostos coa colaboración do persoal docente. Xil López valorou a participación desta edición, na que “practicamente nos deron o traballo feito”, salvando as tarefas selección, nas que sempre intentan que haxa un texto por lingua.


Todos os centros de ensino non universitario da comarca poden participar no certame Poesía e Imaxe, e deberán enviar as candidaturas a partir de mañá xoves e até o martes 28 de febreiro a cequipnormalizacion@gmail.com.


Percorrido

Aínda que a súa incorporación á entidade foi posterior á orixe desta iniciativa, López reproduce o discurso dos fundadores. “Por aquel entón, había un debate social aberto importante sobre se a literatura universal como materia podía ser impartida en galego ou non”, explicou, que se sumaba ao reto de trasladar o idioma á expresión plástica.


Este responsable da organización realiza unha “valoración moi positiva” deste cuarto de século de traxectoria, xa que a pesar das escasas innovacións realizadas, salvo a incorporación da modalidade audiovisual, os centros continúan  participando. O éxito acadado pódese explicar por tratarse dunha iniciativa sinxela de levar a cabo nas aulas. Unha vez seleccionados os poemas, os alumnos poden elaborar as súas obras nunha ou dúas sesións, constinuíndo “unha actividade que por si soa aguanta no tempo” e que “nunca decepciona”, sinala Xil López. 

O certame Poesía e Imaxe cumpre 25 anos de compromiso co galego

Te puede interesar