O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incorpora a Intelixencia Artificial para algunhas das probas radiolóxicas solicitadas no Servizo de Urxencias. Estase a probar nunha das salas do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo, como informan desde o Sergas.
Cando unha persoa acude ó hospital de xeito urxente, e é necesaria unha proba radiolóxica para confirmar unha sospeita diagnóstica no ámbito musculoesquelético ou de tórax, que son os eidos nos que esta solución ten validación ó respecto, a correspondente proba inxírese no programa instalado, e xa adianta catro resultados: se esa proba é positiva, negativa, non avaliable, ou existe algunha dúbida. “Así xa se descarta a proba negativa, e tódalas probas non avaliables, positivas, ou dubidosas son avaliadas polo especialista en Radioloxía”, subliñan desde a Xerencia da área sanitaria.
Esta forma de intelixencia artificial pode actuar exactamente ante unha sospeita por parte do clínico de determinadas lesións: fracturas e derrames de cóbado, xeonllo, ou nocello; luxacións, lesións óseas focais, por exemplo, no ámbito musculoesquelético; e de pneumotórax, consolidacións, derrames pleurais, nódulos ou masas mediastínicas no que se refire ó ámbito da detección de patoloxías en placas de tórax.
Na actualidade, realízanse máis de 43.000 probas deste tipo ó ano nas Urxencias do CHUF.
Cando o profesional das Urxencias ten unha sospeita clínica pola que solicita a correspondente proba, poderá agora ter máis rápido un resultado que lle dea certeza para tomar decisións o máis rápido posible. Redúcense considerablemente os tempos de demora no resultado desa proba posto que facilita que tanto o propio profesional de urxencias como radiólogo poidan discriminar rapidamente os resultados negativos (sen lesión detectada dentro das opcións para as que o algoritmo está adestrado), avaliar os non avaliables ou que exista dúbida, e centrarse con maior celeridade nos positivos, nos que existe unha patoloxía á que hai que dar resposta. En definitiva, esta ferramenta de apoio diagnóstico diminúe o tempo de espera do resultado radiolóxico, e axiliza e axuda a tomar decisións ós profesionais sanitarios.
A Intelixencia Artificial nestes casos aporta o adestramento previo en milleiros de imaxes de lesións semellantes.
Neste caso, a ferramenta incorporada foi validada, e realizouse unha avaliación do rendemento en rutina clínica por tres meses en 17 centros hospitalarios, tendo un valor predictivo do negativo do 99,5%.
Este proxecto é posible, como en noutras ocasións, “pola colaboración do Servizo de Informática coas asistencias na procura de solucións que faciliten o traballo diario dos profesioais e beneficien ó paciente”, precisan.