A CIG denuncia “inacción” ante as necesidades educativas e laborais dos centros públicos

A organización sindical comezou esta reivindicación ao inicio do curso con mobilizacións
A CIG denuncia “inacción” ante as necesidades educativas e laborais dos centros públicos
A organización sindical deu conta da situación en rolda de prensa | D. ALEXANDRE

Este curso académico inaugurouse con reivindicacións por parte de distintas Anpas e da división comarcal da CIG-Ensino, nas que denunciaban os recortes de persoal que se estaban producindo en diversos centros educativos públicos da zona. Por este mesmo motivo, o sindicato convocou onte unha rolda de prensa para dar conta da continuidade destas eivas, realizando catro reclamacións concretas.


Tras as primeiras protestas realizadas en setembro, nesta ocasión, a CIG-Ensino pon o foco no “desprezo que a propia Consellería e a inspección educativa está a facer ante as necesidades que ten o alumnado”, tal como sinalou a secretaria comarcal, Andrea Martíns.


O primeiro punto do programa tratou sobre o concurso xeral de traslados, que “permite dotar de estabilidade aos cadros de persoal dos centros educativos”, continuou, sinalando que non se están a cubrir moitas das vacantes das xubilacións e defuncións. Así mesmo, “dende a propia Consellería hai un intento de amortizar moitas prazas”, o que sería “imprescindible” evitar.


Un exemplo “sangrante”, segundo Martíns, é o IES de Catabois, no que mantén que non se atendeu a ningunha das solicitudes, cando estas realízanse dende unha “perspectiva pedagóxica e tendo en conta a premisa da calidade educativa”. A secretaria lembrou que “de algo serve estar constantemente loitando”, co exemplo dunha praza de Pedagoxía Terapéutica que se requería no CPI Atios e que finalmente sae ao concurso xeral de traslados.


Outro punto principal na comunicación da CIG-Ensino é a asusencia de accións ante a promesa realizada “por parte do Concello e da Consellería a finais do 2023”, na que afirmaban que se destinarían 7.000.000 de euros para a rehabilitación dos centros públicos, en concreto para os espazos nos que se imparte educación física, dos que “nada se sabe”, declarou Andrea Martíns. Os alumnos do IES Ferrol Vello continúan cursando esta materia na Malata, co correspondente custo, que se intenta reducir xuntando un maior número de estudantes por cada aula, e que este curso “o centro tivo que adiantar”. Segundo o sindicato, esta cantidade é superior a 12.000 euros.


En terceiro lugar, focalizan no particular do IES de Mugardos por desenvolver os horarios “fóra da legalidade”, xa que nas instalacións nas que se imparte FP as clases deben durar 50 minutos e neste caso ascenden a 60. Ademais, asesorado pola CIG-Ensino, o profesorado puxo en coñecemento da inspección, da xefatura territorial e da Consellería esta situación que se dá dende o principio deste curso. A última cuestión está vinculada ao acordo sindical do 2023 que non asinou a CIG-Ensino, por considerar que non atendía ás necesidades e non melloraba as condicións laborais docentes. 

A CIG denuncia “inacción” ante as necesidades educativas e laborais dos centros públicos

Te puede interesar