A CIG Ensino e as Anpas denuncian eivas no sistema de matrículas da comarca

A CIG Ensino e as Anpas denuncian eivas no sistema de matrículas da comarca
Olalla Barro, Antonia Martínez, Jaime Acuña, Lara Teijeiro e Vanesa Castro na rolda de prensa no local da CIG | JORGE MEIS

A CIG Ensino en colaboración coa Federación de Anpas de Ferrolterra ofreceron na mañá de onte unha rolda de prensa para denunciar a problemática que observan coas matrículas nos centros educativos da comarca. En particular, salientan que o alumnado máis afectado serían os habitantes das zonas rurais.


No encontro participaron Antonia Martínez, secretaria comarcal de CIG Ensino, Jaime Acuña, da Federación de ANPAs e Olalla Barro, de CIG Ensino. Tamén colaboraron en calidade de nais afectadas Lara Teijeiro e Vanesa Castro, vicepresidenta da ANPA do CEIP Mosteiro de Caaveiro.


O motivo principal da convocatoria foi expoñer a “grande preocupación que temos, tanto por parte das familias, como dos representantes do profesorado, pola situación que se está vivindo coas solicitudes de matrícula para o próximo curso”, indica Antonia Martínez.


Segundo sostén esta representante sindical, trátase dunha circunstancia que ocorre dende hai tempo, xa que “dende o ano 2010, que temos os primeiros cadros de persoal, a Consellería foi recortando ano tras ano, tanto unidades en educación infantil e primaria como profesorado en toda a comarca de Ferrolterra”, sinala Antonia Martínez.


Os datos que achega a CIG Ensino son que a Xunta suprimiu 79 unidades educativas e 113 postos de traballo “Mentras as unidades da privada concertada non se pecha nin unha”, apunta Martínez. Así mesmo, destacou as cifras da cidade de Ferrol, que serían 24 unidades e 38 postos de traballo.


“Este ano atopámonos nunha nova situación derivada do acordo que se asinou no mes de outubro entre a Consellería de Educación e tres sindicatos”, manifesta Martínez. Esta decisión “reduce a ratio para cuarto de educación infantil a 20 alumnos e di que vai  a poñer en práctica un acordo asinado en 2009 que até este curso nunha se implantou”, informa a secretaria comarcal.


“O acordo de outubro é moi positivo porque vai reducir o número de alumnos por aula, contribuíndo a unha mellor atención”, responden dende a Consellería.


A CIG Ensino celebra a baixada das ratios pero mantén que o cambio non pode xustificar recortes en profesorado. A secretaria sostén que “hai un número importante de familias que non saben o que vai pasar coa escolarización dos seus fillos e fillas para o próximo curso”. Isto foi exemplificado dende a Federación de Anpas, que comunican que nos fogares dos alumnos do CEIP Atios, o único centro da localidade, están “coa incertidume de se poderán acudir ao cole da súa vida”, expresa Jaime Acuña.


Ao respecto, dende a Consellería alegan que “ningún alumno vai quedar sen escolarizar no colexio no que xa está estudando”, xa que “sempre se garante o dereito de permanencia no centro”. 


Seguindo as cifras da CIG Ensino, até o curso pasado podíanse agrupar de 18 a 20 alumnos, mentres que para o que ven baixarían de 12 a 14 estudantes. Así pois, o sindicato indica que hai centros que parten xa coas súas unidades completas, polo poderían ofertar un número escaso de prazas.

A CIG Ensino e as Anpas denuncian eivas no sistema de matrículas da comarca

Te puede interesar