Os CEIP Os Casais, de Maniños, e A Laxe (Ferrol) inauguraron onte as actividades para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas que a Axencia Galega de Innovación leva adiante no CIS durante o curso. Están dirixidas a alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, con contidos adaptados aos diferentes niveis educativos.
No caso dos estudantes de Primaria, durante este primeiro trimestre poden participar en dous talleres: “TecnoLab”, centrado no uso de placas programables, e “A química e a cosmética”, que os achega ás aplicacións industriais.
En Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos tamén se propoñen dous obradoiros. “En caída. TecnoLab” está adicado ao deseño e á resolución de retos, mentres que “Cosendo o futuro” propón unha aproximación creativa á programación e ao deseño. O alumnado traballará con placas programables, deseñará prototipos e desenvolverá tarefas ligada ao ámbito da innovación.
Tamén para estudantes de máis idade se organiza o espectáculo “Innovando a ombros de xigantes”, que percorre a historia da innovación e a súa importancia para o avance social. Compleméntase cunha scape room grupal.
As prazas para estes talleres e espectáculos, que forman parte do programa D’tec, están cubertas. Desde a Xunta informan de que nas vacacións de Nadal celebrarase un novo campamento científico e tamén cine dirixido a público familiar.