Clara Gayo: “Desde o propio título hai moitas referencias á cidade, pero é unha obra moi universal”

Clara Gayo: “Desde o propio título hai moitas referencias á cidade, pero é unha obra moi universal”
Clara Gayo, onte, no patio de butacas do teatro ferrolán I Jorge Meis

Non agocha a directora Clara Gayo os nervios apenas uns días antes da re-estrea de “As damas de Ferrol”, unha obra escrita para a compañía Teatro do Noroeste por Eduardo Alonso que cobra unha nova vida vinte anos despois. O venres e mais o sábado ás 20.30 horas preséntase na cidade que inmortaliza o título, aínda que o tema que aborda é absolutamente universal.

 

Como enfocou o traballo de revisión dun texto orixinal dunha das compañías teatrais máis senlleiras de Galicia? 
Chamoume Eva Alonso, que é a xefa de produción da compañía, e propúxome facer unha revisión da obra. O que fixen, basicamente, foi actualizar a linguaxe, porque non entraba nos mínimos vitais que xa temos agora, e tamén a relación entre as dúas protagonistas, porque se levan fatal e na obra están todo o día discutindo, pero eu quería buscar un lugar de encontro do amor para estas mulleres, que ao fin e ao cabo se maltratan porque elas tamén foron maltratadas, aínda que ante os perigos externos, ante os ataques externos, xúntanse e actúan como irmás. Tamén fixen algún cambio en canto ao ritmo; dividín a estrutura en máis cadros, metinlle máis movemento e tratei de dotala dunha linguaxe máis corporal... Con todo, malia todos eses cambios, os personaxes seguen sendo os orixinais e a esencia non varía. 

Cambiou tanto a sociedade en vinte anos como para ter que modificar, sobre todo, a linguaxe? 
Afortunadamente, o movemento feminista nos últimos anos tomou as posicións que levabamos moito tempo reclamando. Por fortuna, pasou algo, houbo un cambio aceptado socialmente e nese sentido o público entende cales son os mínimos e sobre que cousas se poden facer chistes e que cousas están totalmente fóra de lugar.

 

Ou sexa, que non se sente vostede atacada pola imposibilidade de facer chistes sobre homosexuais, por exemplo? 
En absoluto, ao mellor porque eu non fago chistes como os que fan eles e intento apelar á intelixencia do público. Igual é por iso que me salvo (ri).

 

A compañía en todo momento deixoume facer o que quixen. Todo, mesmo no proceso de revisión do texto, e coido que ter xuntado este equipo é unha feliz coincidencia

 

Como valora o traballo das actrices, Mónica Camaño e Casilda Alfaro, que encarnan as protagonistas da obra? 
Con Mónica xa traballara con anterioridade e con Casilda non, pero estou moi contenta de que fose ela a elixida. Agora, véndoas ás dúas, coido que son perfectas para esta obra, tanto na enerxía que poñen como no modo en que se complementan e como abordaron as súas respectivas personaxes. A compañía en todo momento deixoume facer todo o que eu quixen. Todo, mesmo no texto, que é obra de Eduardo (Alonso), ao que lle fixen unha boa revisión. Coido que foi unha feliz coincidencia ter xuntado todo este equipo. Estou encantada.

 

É moi valente que o título leve a palabra Ferrol porque podería limitar o interese noutros lugares e, de feito, é unha obra moi ferrolá, con referencias continuas. Tivo que afondar na idiosincrasia da cidade?
É certo que tiven que facer un traballo necesario de documentación, incluíndo o vocabulario popular, pero tamén creo que o bo que ten este texto é que é universal, de tal xeito que aínda que se fagan moitas referencias á cidade, á decadencia da cidade, estou convencida de que é unha  obra moi universal: estas damas de Ferrol podían ser tamén de Vigo, da Coruña, de Santiago de Compostela ou de Lugo. 

Clara Gayo: “Desde o propio título hai moitas referencias á cidade, pero é unha obra moi universal”

Te puede interesar