Contra todo edadismo

En 'Letras Atlánticas', Armando Requeixo escribe críticas literarias no Nordesía
Contra todo edadismo

A vertixe dos tempos arrasa todo e abisma a sociedade a unha vida tantas veces ilusoria que arrastra á náusea. Autoenganámonos pensando que todo é perfecto e imperecedoiro, que a mocidade é eterna e que o noso estado ideal é ser un clon dos atractivos estándares que proxectan para nós, aburadoramente, nos mass media: novísimos, fermosísimos, altísimos, fortísimos e simpatiquísimos. Pero non. Pero non. A vida non vai diso. A vida é un carrusel e, como nos ensina un dos relatos que compoñen Comando Sintrom de Beatriz García Turnes, “na vida todo é como a néboa, que te envolve sen que te decates e non che deixa ver tres pasos máis aló. A xente acaba enleándose nela e o tempo remata por esgotarse sen que se saiba como, mesmo se parece que o tes todo por diante, como lles pasa aos xubilados”.


Porque a mocidade non é nin inesgotable nin un valor per se. Igual que a ancianidade, é unha condición. E onde está escrito que a vida acabe cando unha, cando, un deixa de ser nova, novo? Por iso estes oito relatos de García Turnes son, a un tempo, un exercicio de lúcida reflexión psicosocial, tamén existencial, e unha reivindicación da abolición da marxinalización etaria: ser maior non é unha enfermidade, é un estado, e non xustifica nin o arrombamento, nin a desafección, nin o esquecemento. E iso é o que demostran as protagonistas, todas elas mulleres, deste libro de relatos. Contra a soidade, fera paixón pola vida. Contra as dificultades e sensabores, resiliencia. Contra a insolidariedade, xenerosa sororidade.


Estes oito contos profundan nese complexo e non sempre ben coñecido territorio do día a día das e dos idosos. Un mundo no que as regras do vacuo peterpanismo (post)adolescente non valen porque a consciencia do real e, sobre todo, do verdadeiramente importante e transcendente se fai palmaria. “Animal de compañía” é un belido canto ao amor entre os seres, neste caso entre unha anciá e un seu fidelísimo can. “Anxela Alén” convídanos á reconciliación e superación das diferenzas no horizonte da finitude. “Sen novidade” aborda as témeras viraxes do illamento e da loucura dos que só os afectos son lenitivo. “A vida en rosa” pon de relevo os egoísmos desatados e a cobiza das familias que só ouvean polas posibles herdanzas cando en vida desprezaron, cando non maltrataron, as persoas que se foron. 

 

“A bordo do abismo” fálanos da fortaleza e ledicia do vivir de moitas das nosas maiores e da insá envexa que espertan. “A asociación” é unha alegación a prol do movemento comunal e do espírito de unión que fai medrar os pobos ao tempo que vivifica cada un dos seus individuos. E, finalmente, “Debullando” propón repensar ata que punto o avance dos tempos é, por definición, unha bondade absoluta e senón será boa idea conservar e facer convivir certos usos, sequera minimamente, para non desancorar existencias.


Sendo, como son, todos estes relatos historias moi diversas nos seus argumentos, en todas elas converxen dúas realidades: o seu protagonismo feminino e a dignificación da ancianidade como unha fase vital chea de retos e posibilidades. Fronte ao inxusto edadismo que asolaga unha parte do noso corpo social, estes contos de García Turnes reivindican outro xeito de ver e de entender esa etapa da vida, que non ten por que sentirse como limitante, senón alternativa, nunca esmorecente e si feraz en experiencia, en saber acumulado e luminosa intelixencia superadora de mil e un atrancos.


Comando Sintrom está escrito nunha prosa alada, que semella levitar. Pasar os ollos polos períodos e os parágrafos, polos treitos e discorreres destas narracións é deixarse levar dunha bris que aloumiña no dominio dos sintagmas, no aquilatado da adxectivación, na solidez dunha sintaxe que segue e segue e segue colléndote da man ata finais sorpresivos, envolventes, epifánicos. Ler para gozar e para adeprender que, as nosas maiores son definitivamente admirables.

Contra todo edadismo

Te puede interesar