David Calvo: “Desde o principio tivemos que facer tamén un labor pedagóxico sobre o que vendemos”

O emprendedor naronés rexenta CBWeed na rúa Real
David Calvo: “Desde o principio tivemos que facer tamén un labor pedagóxico sobre o que vendemos”
David Calvo leva este comercio da rúa Real I Jorge Meis

A necesidade, non económica, senón de saúde, foi a que, hai algo máis de dous anos e medio, levou ao soldador David Calvo –Narón, 1985– a abrir o seu establecemento de venda de produtos derivados do cáñamo. 


“A idea xurdiu nun principio”, explica, “a raíz da enfermidade da miña parella, que ten Crohn. Ela xa tiña un tratamento de por vida, que era a morfina, mais non era suficiente para aliviarlle as dores. Entón decidín buscar un remedio máis natural”. 


Ese proceso de indagación rematou no aceite de CBD. “Vin que se falaba moi ben del, que ía moi ben para as dores, así que o probou durante unhas semanas; ao principio, nos primeiros días, non notaba moito o cambio, pero despois si que sentiu os efectos: podía durmir moito mellor, a inflamación das articulacións melloroulle, e tamén, en xeral, a calidade de vida. A raíz diso deixou de tomar a morfina”. Entre este aceite e a recomendación médica unha dieta sen glute, engade David, “a melloría foi realmente importante”. 


Da casa ao negocio 

Esa boa experiencia “doméstica” e familiar levou ao agora encargado de CBWeed a valorar un cambio radical na súa vida. “Eu levaba anos traballando no País Vasco de soldador e, entre que estaba separado da familia e quería regresar e que xa constatara os resultados positivos destes produtos para a xente con fortes dores, tomei a decisión. Vin que podía axudar a máis persoas, a reducir un pouco as medicacións e mellorar a calidade de vida”, di.


Foi así como se plantexou abrir un comercio de produtos do cáñamo. “Mirei varias franquicias e esta, CBWeed, é a que abranguía máis categorías de produtos”, sostén. Entre as dúas opcións que barallou, Real e Dolores, decantouse pola primeira. 


E que é o que se pode atopar en CBWeed? “Traballamos varias categorías”, apunta David Calvo, “desde flores e resinas de CBD a alimentación (infusións, cafés con cáñamo, galletas etc.), cosmética (crema de cara e de mans ou específicas para problemas de pel e dores musculares e articulares, pasta de dentes...) e tamén merchandising”, entre outros. 


Prexuízos

Un comercio dedicado a este tipo de produtos esperta aínda certas suspicacias entre parte da poboación e contra eses prexuízos tivo, e ten aínda, que facer pedagoxía David Calvo. “Desde o primeiro momento tivemos que informar, e aínda seguimos facéndoo, porque queremos chegar a máis xente”, comenta.

 

 “Explicamos”, apunta, “que hai dúas categorías dentro do que é a planta nai: o cánnabis e o cáñamo. Este último é que é o que traballamos nós, que é baixo en THC, a diferenza da marihuana, que é alta en THC e ten máis efectos secundarios”. “Hai que seguir facendo pedagoxía”, subliña, “pero cada vez máis persoas van coñecendo os produtos e vanos probando, o boca a boca funciona ben e a verdade é que a xente responde e está contenta coa efectividade que teñen”. 


Xa pasaron dous anos e medio e, aínda que recoñece que “custou dar o paso”, Calvo está cada día máis convencido de que foi a decisión correcta. “Sabía que os produtos podían solucionar problemas, malia que sempre tes eses medos de a ver como vai, a atención ao cliente... Porque eu sempre traballei por conta allea e isto non é o mesmo. Pero foi un acerto, sen dúbida”. 

David Calvo: “Desde o principio tivemos que facer tamén un labor pedagóxico sobre o que vendemos”

Te puede interesar