Estudantes e enxeñeiros compiten nun reto proposto por Navantia

Estudantes e enxeñeiros compiten nun reto proposto por Navantia
A "hackathon" de Navantia e o Campus Industrial vai pola súa terceira edición I JORGE MEIS

O Campus Industrial vivirá entre o xoves e o venres unha xornada de vertixe co desenvolvemento da terceira edición do Hackathon Navantia Next Pioneers. A compañía pública naval ponlles aos participantes un reto para o cal deben atopar unha solución innovadora en 24 horas. O tempo comeza a correr a partir das tres da tarde deste xoves e, durante o mesmo, recibirán dúas charlas motivadoras: unha do manager comercial para Europa de Navantia, Alfonso Valea González, e outra da responsable das Relacións con Universidades e integrante do Departamento de Recursos Humanos, María Teresa Galdo Aldrey.


No desafío participarán 55 alumnos seleccionados na Escola Universitaria de Deseño Industrial e na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol. Proceden dos últimos cursos de diversos graos e máster da EPEF, incluído o Erasmus Mundus. Ademais, contarase con cinco enxeñeiros e enxeñeiras junior de Navantia.


Dividiranse en pequenos equipos de non máis de cinco persoas e contarán, para o éxito da súa misión, co apoio de profesionais do sector naval e da enxeñaría. Os gañadores recibirán unha bolsa de formación dun ano de duración en Navantia.


O xurado valorará, entre outros aspectos, a adecuación e impacto da solución do problema, a creatividade e innovación da idea, a súa viabilidade técnica e económica e a calidade da exposición.


Trátase, indican os organizadores, dunha “oportunidade única para innovar, crear, aprender, colaborar e demostrar talento”. Navantia e o Campus Industrial presentan “un espazo no que experimentar coa transformación dixital e as SmartTech".

 

 

un evento nacido para informáticos que se expandiu

 

O “hackathon” é unha palabra que procede dos termos “hacker” e “marathon”. Naceu como un evento para programadores, co obxectivo de buscar algunha solución ou desenvolver un determinado servizo. Co tempo estendeuse máis alá deste campo e abrangue diferentes disciplinas, co obxectivo común en cada unha delas de buscar propostas para problemas ou necesidades que deben ser solventadas. 

No de Navantia e a UDC gañou o ano pasado o equipo formado por Andrea Fraga Castro, Jorge Francisco Cabello Oqueña, Kartik Grag, Alejandro García Rodríguez e María Caamaño Prieto. Na súa primera edición os vencedores foron Alberto Caaveiro, Daniel Anidos, Sara Soldevilla, Helena García y Alberto Reboredo.

Estudantes e enxeñeiros compiten nun reto proposto por Navantia

Te puede interesar