Ferrolterra aloumiña o 17 de Maio

Ferrolterra aloumiña o 17 de Maio
Ialma ofrecerá mañá mércores un concerto no Jofre

Francisco Fernández del Riego foi, hai sesenta anos, o principal promotor da conmemoración do Día das Letras Galegas, “a gran festa cívica de Galicia” –en palabras da propia Real Academia Galega–, que mañá, 17 de maio, encherá de actividades toda a comunidade. Con Fernández del Riego como eixo central da celebración ao se converter no homenaxeado deste 2023, a comarca de Ferrolterra vivirá unha intensa xornada con múltiples opcións culturais nos diferentes municipios.


Ialma no Teatro Jofre

En Ferrol, o teatro Jofre acollerá o concerto de Ialma, un grupo de pandereteiras belgas fillas de emigrantes galegos. Verónica Codesal, Natalia Codesal, Eva Fernández e Marisol Palomo achegarán ao público o seu espectáculo “Ialma canta a Rosalía”, no que contan a súa historia, que é a de tantos migrantes. “O noso proxecto é, como o de Rosalía, un horizonte de esperanza. Amamos a vida, a música, a poesía, a danza, a xente. Ialma é dignidade, liberdade e alegría de vivir”, destacan as súas integrantes. A cultura e tradicións galegas son as fontes de inspiración deste cuarteto que neste mes de maio realiza unha emocionante viaxe á terra dos seus pais nesta especial xira. O concerto será ás 20.30 horas e as entradas están á venda en Ataquilla.com.


Queremos Galego

Tamén haberá espazo na xornada do 17 de maio para a concentración promovida por Queremos Galego. Será na praza do Inferniño, ás 12.00 horas. Desevolverase baixo o lema “En galego, aquí e agora” e a través desta acción queren aproveitar para reclamar, ante a proximidade das eleccións municipais, o papel normalizador do Concello de Ferrol, “fronte ao desleixo do resto de poderes públicos, porque a situación de emerxencia lingüística non permite esperar outros corenta anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigas”, din. A plataforma cidadá, a que forman parte máis de 500 entidades, chama tamén a atención sobre a imposibilidade de vivir as 24 horas en galego. 

 

“Lamentablemente, os corenta anos da Lei de Normalización Lingüística non serviron para subverter a situación do galego, non contrubuíron a gañar novos espazos. O uso da lingua galega segue sendo minoritaria en espazos como o da Administración de Xustiza ou na do Estado”, denuncia a voceira da devandita plataforma en Ferrolterra, Nicolasa Castro.


A Cabana

En A Cabana, o local social da entidade veciñal acollerá mañá pola tarde, a partir das 17.00 horas,  unha celebración arredor da festividade coas actuacións musicais da coral Alecrín de Brión, do Real Coro Toxos e Froles e do dúo Brigantia (Julia y Rupert) ás que se sumará a lectura da semblanza do homenaxeado deste ano, o escritor lugués Francisco Fernández del Riego.


Artábria

A Fundaçom Artábria, pola súa banda, deseñou para mañá unha intensa xornada que dará comezo coa “ruada” desde o centro social da entidade ata o Inferniño, para secundar a concentración de Queremos Galego. Xa a partir das 13.30 horas celebrará, no Centro Cívico de Canido, unha foliada con sesión vermú, un xantar popular e un concerto (ás 16.30 horas) a cargo de Brixta.


Narón

Mañá mércores será tamén día de celebración en Narón arredor das Letras Galegas. A Praza da Lectura, xunto ás vivendas de Santa Mariña (Santa Icía) será o epicentro da programación, con acceso de balde. Comezará ás 12.00 horas cun espectáculo musical de Brais das Hortas, “Consertaso na horta”. Seguiralle no escenario Mamá Cabra, coa súa proposta “Ondamini” (13.00 horas).


A partir das 17.00 horas, será a quenda para o Coro Peque Solidarium do Concello de Narón; o espectáculo de clown “Rogelio, un pallaso en recuperación” de AsSircópatas (17.30 horas); e o concerto de Supermeiga (18.30 horas). Ademais, durante todo o día haberá un obradoiro de imprenta ambulante a cargo de Alouette Machine (de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas).


A cita contará, así mesmo, coa  participación das librarías Pasapáxina e Day, cun espazo propio na festa polo que pasarán autores como Ana Meilán, que firmará exemplares de 13.00 a 14.00 e de 16.00 a 17.00 horas e Antón Cortizas, desde as 17.30 a 18.30 horas.


Cedeira

En Cedeira, a Banda de Música da vila ofrecerá mañá, ás 19.00 horas no Auditorio Municipal, o seu tradicional concerto do Día das Letras Galegas, baixo o título “Lendas, contos e... música”. A entrada será de balde. Baixo a dirección de Eduardo Mallén, a agrupación intercalará neste ocasión a lectura de pequenas pases de contos e lendas, cun repertorio musical no que destacará a presenza de compositores galegos como David Fiuza.


Pontedeume

Con varias propostas celebrará o Concello de Pontedeume a xornada do 17 de maio. A primeira das citas terá lugar ás 11.00 horas, na casa do Concello, co entrega do Premio do XXXIII Concurso de Contos Vila de Pontedeume. Ás 12.30 horas, a AFC Orballo ofrecerá unha actuación na Praza Real.


Por outra banda, ás 12.00 horas, o Ateneo Eumés, xunto ao colectivo Terra e o Concello, realizarán un roteiro artístico e cultural polos lugares dos escritores e as escritoras relacionadas co municipio. En cada un deles contarase  coa intervención de diferentes autores. Comezará nos Xardíns de Lombardero e percorrerá varios lugares da vila, como o Torreón dos Andrade, o mercado ou a praza do convento, entre outros, para rematar sobre as dúas da tarde. Abrirá o cortexo a banda Charamela.


Ademais disto, ofreceranse visitas guiadas aos xardíns de lombardero ás 17.00 horas. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición na Oficina de Turismo (ubicada no Torreón dos Andrade), no número de teléfono 981 430 270 e no correo electrónico oficinaturismo@pontedeume.gal. Finalmente, ás 19.30 horas na Igrexa das Virtudes, terá lugar o festival “Letras Galegas”, coas actuacións da Coral Polifónica Ferrolana A Magdalena, Los Trasnochadores del Eume e o Coro Alegre Intermezzo, ámbolos dous de Pontedeume.


Mugardos

O Casino Progreso de Franza será escenario, ás 19.00 horas, da actuación coa que o Concello de Mugardos celebra o Día das Letras Galegas. A Coral Estelas do Mar e a Rondalla Mugardesa protagonizan a cita.


Ares

O municipio aresano conmemorará o 17 de Maio cun concerto da Rondalla Trovadores de Ares. Será a partir das 19.00 horas no Casino Aresano e a entrada é totalmente gratuíta.


Ortigueira

O programa das Letras Galegas de Ortigueira incluirá ás 12.00 horas, na Praza Isabel II, unha actuación de baile tradicional a cargo de Troula do Ortegal e un recital literario participativo. 

 

Mais a celebración das Letras Galegas non rematará mañá. En Cabanas, que onte iniciou o programa, ofrecerá o sábado o espectáculo “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz”, que ao día seguinte estará en Neda. Tamén o domingo terá lugar entre Caamouco e Limodre unha ruta teatralizada que discorrerá polas dúas parroquias. 

 

concerto do xan viaño esta tarde no jofre

As actividades arredor das Letras Galegas incluirán xa na xornada de hoxe algunha proposta, como a que esta tarde, ás 19.00 horas, terá lugar no Jofre, escenario dun fermoso e “especial” concerto do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol. Uns 200 alumnos e alumnas do centro protagonizarán unha cita artellada baixo o título “Concerto das letras coas nosas músicas”, organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do centro e coa música de compositores galegos como eixo dun programa que incluirá música de solista, de cámara, así como as actuacións de grandes agrupacións como os Peque Coro, Peque Coro in crescendo e a Banda de Grao Profesional.

 

A biblioteca de Fene, pola súa banda, conmemora esta tarde (18.00 horas) as Letras Galegas co espectáculo “Habelas Hainas” da maga Leo Leíño. A función, dirixida a nenos e nenas a partir de seis anos, xira arredor das lendas e tradicións da nosa terra a través da maxia e do humor. Inscricións na biblioteca (presencialmente ou por teléfono).

 

Ferrolterra aloumiña o 17 de Maio

Te puede interesar