Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol coñecen a aplicación web Ariadna para a loita contra a morte súbita. Galicia, a través da Consellería de Sanidade, convértese na primeira comunidade autónoma en integrar os seus servizos de emerxencias sanitarias na aplicación Ariadna para o incremento da supervivencia nas paradas cardiorrespiratorias. É posible grazas a un convenio coa Cruz Vermella Española, a Sociedade Española de Cardioloxía e a Fundación Española do Corazón para a integración de Ariadna na Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Precisamente, o cardiólogo no Hospital Universitario Puerta de Hierro de Majadahonda en Madrid, e presidente electo da Sociedade Española de Cardioloxía, Ignacio Fernández Lozano, reuníase este xoves cos profesionais implicados neste eido no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Intervir no menor tempo posible Ariadna é unha aplicación desenvolvida coa fin de xeolocalizar e validar o maior número posible de desfibriladores externos semiautomáticos, aos que se poida acceder no caso de que unha persoa sufra unha parada cardiorrespiratoria na vía pública. O obxectivo da adhesión da Consellería de Sanidade é ampliar a capacidade do programa ‘Acude e Axuda’ co que, ante unha parada cardiorrespiratoria na rúa, desde o 061 se envía unha sms de alerta a voluntarios inscritos, procurando que algún deles estea dispoñible para intervir ao tempo que localiza o desfibrilador máis próximo. Precisamente, nesta xornada, invítase ós e ás profesionais a se inscribir na mesma. Desde a Central de Coordinación do 061, xestiónase a mobilización dos voluntarios máis próximos ao suceso, tanto para a atención directa á parada como para recoller un desfibrilador na zona, ata a chegada dos recursos asistenciais do 061 de Galicia. Coa integración dos datos da aplicación Ariadna, búscase aumentar as posibilidade de supervivencia en caso de parada cardiorrespiratoria fóra do hospital, facilitando o acceso a un maior número de desfibriladores e o incremento da participación cidadá.
A Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 dispón de programas de formación en reanimación cardiopulmonar como o RCP na Aula, que desenvolve en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e co que desde 2009 se formou a máis de 21.300 escolares en técnicas de reanimación cardiopulmonar. Galicia foi pioneira na lexislación e na implantación de desfibriladores en España, coa primeira regulación legal do seu uso por persoal non médico mediante o Decreto 251/2000, do 5 de outubro.
Na actualidade, está vixente o Decreto 38/2017, do 23 de marzo, polo que se regula a instalación e o uso de desfibriladores externos semiautomáticos fóra do ámbito sanitario e créase o seu rexistro.
A morte súbita por parada cardíaca representa un problema prioritario para a saúde pública. Calcúlase que en España prodúcense anualmente 67-170 casos por cada 100.000 habitantes. Isto supón unha parada cardíaca cada 20 minutos aproximadamente. Cada minuto que pasa calcúlase que a supervivencia das persoas que sufriron unha parada cardíaca redúcese nun 10%.
Prodúcese unha parada cardíaca cada vinte minutos
Nos casos en que a parada cardíaca é causada por unha fibrilación ventricular ou unha taquicardia ventricular sen pulso, a desfibrilación eléctrica precoz con desfibrilador é o único tratamento eficaz, sendo a precocidade o factor que máis contribúe na supervivencia dos pacientes. A maioría das paradas cardíacas prodúcense en presenza de testemuñas. A experiencia acumulada nos últimos anos demostra a efectividade da desfibrilación precoz na recuperación dun ritmo cardíaco eficaz. Por outra banda, a realización precoz de manobras de reanimación cardiopulmonar por testemuñas alonga o tempo no que a desfibrilación é efectiva, e demostrou dobrar a supervivencia nos pacientes que padecen unha parada cardíaca extrahospitalaria