Publicacions de la Universitat de València é a editorial na que vén de saír o volume colectivo “Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras”, coordinado polos ferroláns Lourenzo Fernández Prieto, catedrático da USC e membro da Real Academia Galega, e Francisco Leira, profesor da Universidad Isabel I.
Como se artellou o libro para que participasen especialistas das tres universidades galegas?
Desde a creación do “Proxecto Nomes e Voces” co goberno bipartito e no que participaron investigadores das tres universidades galegas e persoas da sociedade civil foise creando unha escola historiográfica moi importante que tiña que ter cabida nun libro colectivo. Por esa razón hai investigadores das tres, de diferentes xeracións e escolas historiográficas.
Cal é a tese que defende?
Non defende unha única tese, senón que é un libro de debate, no que non todos os participantes pensamos o mesmo sobre todos os procesos que levaron á construción da ditadura franquista. Por exemplo, sobre o debate da represión e a súa conceptualización hai disparidade de opinións, e iso enriquece o libro. Ademais, incluíuse a persoas doutras disciplinas, como os estudos culturais ou a filoloxía, con investigadores do Instituto da Lingua Galega ou do tecido asociativo. Sendo un libro diverso, que propón debates ricos no seu interior, si que existe un leitmotiv dentro do mesmo. Cando se fala de construción da ditadura ou do franquismo case sempre comeza coa proclamación do primeiro goberno franquista, a aprobación da primeira lei fundamental do réxime (o “Fuero del Trabajo”) ou o final da guerra. Sen embargo, a visión desde a periferia é moi importante.
E cal é esa visión desde Galicia?
Galicia (e Navarra, partes de Andalucía ou León) caeu en mans dos golpistas nos primeiros días tralo 18 de xullo. Iso non significa que non houbese oposición, senón que as características do propio territorio provocaron que a desorganización non fose suficiente para parar a rebelión. Pero non hai que esquecer que foi o primeiro lugar onde se organizou a guerrilla (a León-Galicia). Ao caer en mans golpistas serviu para que, nunha política de proba-erro, fosen construíndose os cimentos do que logo sería o réxime franquista. Iso vese na represión-matanzas, na mobilización social, nas políticas de beneficencia, na imposición dun tipo de moral á cidadanía e especialmente ás mulleres, ou na colocación de novos poderes locais. Como é lóxico, a medida que avanzou a guerra e logo na posguerra as cousas foron mudando, pero xa sabían que funcionou neste territorio. Por iso estudar o caso galego é tan importante. Polo tanto, un dos motivos polos que se publicou primeiro en castelán (esperemos que saia en galego) é que a historiografía sobre o franquismo teña en conta as excelentes propostas interpretativas realizadas nas universidades galegas.
En que se diferenciou Galicia doutras zonas (ou do relato central) no golpe de Estado e consecuente Guerra Civil?
En moitos aspectos. Para comezar, o golpe non tiña como obxectivo rematar nunha guerra. As instrucións reservadas do xeneral Emilio Mola remarcaban a extrema violencia que se tiña que empregar, pero non que ía suceder no futuro. O golpe foi contra a Fronte Popular, logo contra toda a República. Isto obsérvase se se analiza a cronoloxía das matanzas. Tamén como tiveron que facer unha depuración de cargos públicos e buscar alternativas viables para poder controlar todo o territorio. Tiveron que levar a cabo unha mobilización social a través de Falanxe e do carlismo ao estilo fascista, como se observa coa Sección Femenina de Falanxe, pero tamén unha mobilización bélica de carácter civil e militar. Co paso do tempo fóronse adaptando ás circunstancias. O resultado das súas propostas foi o que provocou que optasen por unhas políticas ou outras a medida que ía conquistando novos territorios. A experiencia acaecida en Galicia (e Navarra e León) tivo a súa impronta no desenvolvemento dos cimentos da ditadura.
Nese contexto dunha Galicia na que apenas houbo guerra, de que modo se articulou a resistencia?
Podemos atopar dous tipos de resistencia. A que xa dixemos a través da guerrilla e a que se coñece como “resistencia cotiá” teorizada polo sociólogo James C. Scott. Nun primeiro momento, a resistencia, que existiu en toda a península, foi desorganizada. En sitios como Madrid ou Barcelona, o movemento obreiro e mais as forzas armadas leais á República puideron deter o golpe. En Galicia non sucedeu iso polas características sociais e xeográficas, con poboacións pequenas e dispersas. En case todos os lugares houbo un comité de resistencia, pero ao non ser suficientes non puideron facerlle fronte. Por exemplo, en Teo o irmá de Enrique Líster organizou unha partida, pero non puideron chegar a Santiago e axudar á resistencia organizada alí. Só en Ferrol, grazas os mariñeiros (suboficiais e tropa), fíxoselles fronte durante algúns días. Logo creouse unha sociedade de prófugos da xustiza de Franco que terminou organizando unha resistencia. Outros fixeron actos de pequena intensidade para oporse dun xeito simbólico aos golpistas (as armas do feble), como non levantar a man facendo o saúdo romano. En calquera caso, a idea dunha Galicia leal aos golpistas é un mito.
Que institución se destacou na construción sociopolítica do franquismo?
Todas, desde a organización de milicias para loitar nas primeiras batallas ao recrutamento militar, a mobilización feminina na Sección Femenina de Falanxe, a depuración e substitución dos poderes locais ou a imposición dunha moral católica á muller. Sen embargo, quizáis as matanzas, a coerción e a imposición do medo foi o máis salientable e empregaríanse tamén noutros lugares da península.