Con esta afirmación sinxela e contundente amencía o barrio de Canido no primeiro día oficial do festival das Meninas, cita xa imprescindible no calendario cultural ou festivo da cidade. Escrito en relevo, discretas letras de cemento, pero nun lugar emblemático do barrio, a praza do Cruceiro, a imaxe sacudía as redes. Gustaríame comezar sinalando que me parece unha peza sublime. Unha desas xa poucas obras que un, desde o ego de artista, desexaría ser o autor.
Excitante, subversiva, intelixente, contundente, graciosa, contemporánea e ben realizada, a obra resulta ademais un magnífico contrapunto ao museo ao aire libre en que se ten convertido a zona. Creada, ademais, desde o anonimato, con nocturnidade e naturalidade. Son todas estas cualidades características que definen a mellor arte urbana, esa que naceu hai xa algunhas décadas nos suburbios das grandes cidades como resposta espontánea ao sistema e mesmo á arte oficial que este xera.
Entendo que, chegado a este punto, algúns lectores poden pensar que esaxero e que simplemente se trata dun bo chiste, pero son algunhas destas “grazas”, como Duchamp colgando un urinario nun concurso de pintura hai xa máis dun século, as que cambiaron o curso da historia da arte ou a resituaron no camiño de reencontrar o seu auténtico sentido.
Quen me coñecen saben que levo tempo dicindo que o perigo que teñen as Meninas de Canido é morrer de éxito. O impresionante impacto positivo no barrio e no conxunto da cidade puidera volver o certame rutinario e pouco excitante. Unha demostración de habilidade técnica e formatos monumentais. Algo que xa está sucedendo no conxunto desta disciplina artística convertida en moitas ocasións en decoración plástica institucional.
Xa case cada cidade ten a súa representación e é asumida polo público e polos medios con excesiva amabilidade. Vemos como premios internacionais ocupan as portadas dos nosos diarios ou como mesmo unha liga ou competición de grafiti chega á praza de Armas de Ferrol.
Non crean, os que nos movemos neste mundo sabemos que isto está xerando choques no sector. Non é algo novo. Xa nos anos 80 do século pasado sucedeu cando algúns dos mellores artistas urbanos de Nova York deron o salto ás máis destacadas galerías do mundo provocando un rexeitamento polos máis puristas do xénero. O propio Banksy, o gran Banksy que sobrevoa o barrio de Canido, trataba máis recentemente de dar unha resposta a esta situación procedendo mediante un enxeñoso artefacto a autodestruír unha das súas obras que acababa de ser adquirida por una importante cantidade de diñeiro nunha prestixiosa casa de subastas de Londres. Pero o sistema fagocita todo e os restos da pintura conseguiron todavía un prezo máis alto que o orixinal intacto.
“Goya mola máis” pode ter atopado unha saída simple e natural a este problema e non sería estraño encontrarse nunha especie de itinerario B ao calendario oficial do evento artístico na cidade. As cabezas están pensando, inspiradas –cónstame–, e é algo moi bo para a expresión cultural e pode achegar unha liña paralela e complementaria moi positiva para o evento.
Que a fantástica idea que supuxo o lanzamento das Meninas asuma isto con naturalidade e optimismo asegura un futuro aínda máis brillante e coa dose de rebeldía propia da disciplina “callejera”. Cuestión que, ademais, estaba na xénese do certame, un berro visual de protesta nunha contorna devaluada e en proceso de ruína, unha chamada de atención que contribuíu a un presente moito máis optimista. Por todo iso, por un pensamento complexo, moi complexo, resolvido dunha maneira simple, presento os meus respectos a Paula Iglesias, “anónima” autora da intervención. Arte urbana, nada máis... e nada menos.