Chega a noite de San Xoán e con ela unha chea de citas por toda a comarca. No barrio ferrolán que leva este nome prepáranse para unha fin de semana de intensos festexos que darán comezo mañá venres, a partir das 19.00 horas, coa tradicional sardiñada no campo de fútbol, animada coa Charanga NBA. A continuación será a quenda para a verbena con Carpe Diem e a Panama Band Orquesta. Ás 00.00 horas comezará a lumieira coa “queima da bruxa” e degustación dunha queimada.
Arrancará así un programa que o sábado vivirá o seu punto máis álxido co prato forte da edición deste ano, a actuación do Grupo Extra. De orixe latinoamericano pero afincados en Suiza, a formación chega ao barrio ferrolán para ofrecer o que será o seu único concerto en Galicia. “Vendrán varios autobuses con gente de diferentes localidades para ver el concierto”, comentaba onte o presidente da entidade veciñal, Andrés Medín.
A enorme sona e tirón do grupo fai que as previsións iniciais da organización pasen por superar as 15.000 persoas que, segundo lembran, reuníronse en 2019 no campo da festa no concerto de Kiko Rivera.
O grupo estrela das festas actuará na verbena do sábado, que dará comezo sobre as dez da noite, logo do Grupo Origen. Un dj poñerá a nota final á festa. Ese mesmo día, pola mañá, haberá percorrido do grupo de gaitas Agarimo e misa solemne ás 13.00 horas. Un dúo musical encargarase da sesión vermú.
Na xornada do domingo volverá haber misa e sesión vermú para abrir paso, a partir das seis da tarde e ata as doce da noite, á música de Fania Blanco Show e da famosa artista María Jesús e o seu acordeón.
Tamén no barrio de Esteiro, baixo a organización da entidade veciñal, terá lugar mañá a celebración da tradicional luminaria da noite de San Xoán, na praza Ferrándiz. A actividade dará comezo a partir das 19.30 horas coa sardiñada na que se poderá gozar de racións a prezos populares.
Arredor das 23.00 horas prenderase lume á fogueira para a que, un ano máis, contouse coa colaboración do Tercio Norte. Xusto antes deste momento, aproveitarase para render homenaxe a Poldo, veciño do barrio que se implica todos os anos na preparación da fogueira, polo que mañá se lle fará entrega dunha placa, informaron desde a entidade veciñal.
En Esmelle, a celebración do San Xoán comezará mañá pola noite coa gran fogueira e a verbena con Fania Blanco Show e o Grupo Jaque. O sábado, os gaiteiros de Agarimo de Catabois farán un percorrido polo barrio, para a continuación celebrarse a visita do xurado do certame de rueiros -aberto a toda a veciñanza da parroquia que desexe participar–, unha misa e sesión vermú coa orquestra Acordes. Esta voltará ao escenario na verbena xunto ao Grupo Antha. Grupo Dvicio pechará o cartel festivo cunha sesión vermú o domingo.
No barrio de Caranza, o colectivo sociocultural A Revolta de Trasancos organizará unha lumeirada na zona da ribeira. A actividade dará comezo a partir das 18.00 horas e ademais da degustación de chourizos e sardiñas haberá tamén moita música.
O Concello das Pontes, pola súa banda, celebrará mañá a quinta edición da Noite Meiga, cita que ten como obxectivo dar a coñecer e recuperar as tradicións que acompañan esta data tan arraigada na cultura popular galega, sinalan desde o goberno local.
A cita terá lugar a partir das 20.00 horas no Canal IV e incluirá propostas de lecer para todos os públicos, con maxia, globoflexia, teatro e xogos. Ás 20.30 horas haberá unha sardiñada popular, a un prezo de 10 euros por persoa. A partir das 22.00 horas celebrarase o espectáculo itinerante “A noite máxica das meigas” para continuar co acendido da fogueira de San Xoán e a actuación (00.15 horas) do Grupo Claxxon.