Guadi Galego lanza a canción “Todo esto te daré” con Rozalén

O tema publicouse a pasada medianoite nas principais plataformas dixitais
Guadi Galego lanza a canción “Todo esto te daré” con Rozalén
Guadi Galego actuará no Jofre o sábado 27 I Cedida

Por moito que repita que non, a música de Guadi Galego transcende. E moito. Non só porque as novas xeracións que están a protagonizar un novo auxe da música galega coincidan en sinalala como unha das súas referencias inexcusables (mesmo inspiradoras), senón porque ten o recoñecemento de artistas doutras xeografías e mesmo doutros ámbitos.


A pasada medianoite, a cedeiresa publicou nas principais plataformas dixitais un novo tema –vai acompañado dun vídeo– no que conta coa colaboración da compositora e cantante manchega Rozalén. “Todo esto te daré” é o título dun single que forma parte da música da ficción sonora producida por Audible e dirixida pola cineasta e guionista Paula Cons sobre o libro homónimo co que a súa autora, Dolores Redondo, gañara o Premio Planeta en 2016.


Cons propúxolle a Guadi Galego facer un tema para este proxecto orixinal de Audible, prolongando así unha relación que tivera un primeiro chanzo con “Sálvora”, canción da banda sonora da longametraxe “A illa das mentiras” (2020). 


“Paula e mais eu pensamos que estaría ben que este novo tema o cantase, ademais de min, alguén que lle dera outra transcendencia, e pensei que Rozalén era a persoa idónea porque crin que lle ía moi ben a temática. Hai que dicir que non é un single ao uso, senón unha canción un pouco máis cinematográfica”, explica Guadi Galego. 

 

“Conectamos moi ben porque ten un espírito incrible; é unha persoa realmente especial”


“O caso”, prosegue, “é que lle encantou, meteuse a tope na canción e realmente fixo a canción moito mellor do que xa era”. Galego sinala a este respecto que “aínda que non o pareza, os intérpretes fan moitas veces que unha canción orixinal mellore ou empeore, e Rozalén fai o primeiro: Todo esto te daré é mellor con ela que sen ela, desde logo”.


A artista cedeiresa xa coñecía a Rozalén, aínda que tanxencialmente, pero a raíz desta colaboración descubriu “unha persoa coa que conectei moi ben porque ten un espírito incrible; é unha persoa realmente especial que, ademais, insiste en colaborar con artistas que non teñen moita importancia para a industria da música. É unha sorte poder compartir este proxecto con ela”, finaliza. 


A estrea da canción chega apenas dúas semanas antes do concerto que Guadi Galego ofrecerá no Jofre na xira de presentación “Síntese Horizonte” (sábado 27 ás 20.30 horas). Aínda queda algunha entrada dispoñible. 

Guadi Galego lanza a canción “Todo esto te daré” con Rozalén

Te puede interesar