Por vez primeira, a Real Academia Galega adiou o acto central do Día das Letras Galegas, neste caso ao 31 de outubro –un día despois de que se cumpran os 110 anos do nacemento do seu protagonista–, por mor da pandemia provocada polo Covid-19. Esta decisión, que é histórica, non é suficiente para boa parte do tecido cultural e social de Galicia, que pula por que a homenaxe a Carvalho se prolongue durante todo 2021. “É o lóxico”, defende o escritor Henrique Dacosta, quen considera que só dese xeito o polígrafo ferrolán recibiría “unha homenaxe como é debido”.
A excepcionalidade da situación actual require dunha solución tamén extraordinaria?
Si. Esa solución excepcional ten que pasar necesariamente por prolongar a celebración, porque o que está pasando co coronavirus é anómalo. Que celebración sería esta?
Non é o que imaxinou a xente que durante tantos batallou para conseguir este recoñecemento...
É que Carvalho merece moito máis; unha persoa tan destacada, tan importante e tan monumental para a lingua e a cultura galegas e que pase así desa maneira tan nas puntas dos pés... Hai moitos actos pendentes; eu mesmo tiña previsto participar nunhas xornadas na Universidade de Salamanca ou en Xenebra, convidado por unha asociación de galegos. Finalmente, se todo vai como se prevé, viaxarei en outubro. Quero dicir con isto que desde a distancia se ve esa necesidade de seguir homenaxeando a Carvalho e, coma iso, moitísimas outras cousas que se poden facer en condicións normais en 2021. É de xustiza, ademais.
Hai moitas publicacións paradas e, sobre todo, tampouco hai certeza de cando poderá volver a normalidade. Cre que a Academia atenderá esta petición?
Eu agardo que teña a suficiente sensatez como para que se dea de conta de que hai unha presión social para que se faga así. No sentir das redes sociais e os medios hai un posicionamento máis ou menos acorde para que 2021 siga sendo o Ano Carvalho. É de xustiza, repito. Hai moito traballo que está por se publicar e ten que publicarse.
Sobre a controversia da grafía, Carballo ou Carvalho?
As fillas escríbeno con “b” e con “ll”, non hai problema, e el até o último momento da súa vida defendeuno con “v” e con “lh”. O seu posicionamento pola vía histórica e lingüística, polo reintegracionismo –o que el chamaba romance ibérico occidental, que tecnicamente desde punto de vista filolóxico é así– e a súa comuñón co portugués eran ben evidentes desde os 1971-1972,cando comezou a trabar amizade con Rodrigues Lapa. Eu creo que neste momento por aí non haberá demasiada controversia; haberá quen o escriba dunha manera e quen o escriba doutra. El desde os anos 70 até a súa morte comungou claramente co reintegracionismo e aí non hai ninguha dúbida ao respecto. E logo, desde o punto de vista ortográfico, estamos nun momento importante: a vía binormativista pareceríame a solución máis interesante, que se puidese debater e que se puidese conseguir. Isto é, a coexistencia dunha normativa tal como está na escola nestes momentos con esoutra da vía do portugués padrón ou algo semellante para que o galego teña tamén unha dimensión internacional. Podiamos pensar, egoistamente, en termos económicos: temos un mundo por abrir e descubrir inmenso. Xa está ben de nos mirar simplemente para o noso embigo e quedarmos cada vez máis illados. Coido que esa non é a solución actual.