Henrique Dacosta: “Sen dúbida, Canido e Covas marcaron, marcan e marcarán sempre a miña forma de escribir”

É o escritor do mes de xaneiro en AELG
Henrique Dacosta: “Sen dúbida, Canido e Covas marcaron, marcan e marcarán sempre a miña forma de escribir”
Dacosta gañou tres veces o premio Carvalho Calero I D. Alexandre

Hai máis de trinta anos viu a luz o primeiro libro de Henrique Dacosta –Ferrol, 1964–, que vén de ser elixido escritor do mes de xaneiro polos seus colegas da AELG. É o recoñecemento a unha traxectoria que abala entre a narrativa e o ensaio e que nunca fuxiu do eixo Canido-Covas para explicar o seu mundo. Porque o local pode ser universal.

 

Que supón para vostede este recoñecemento? 
É a maneira de darlle visibilidade á túa obra, que a xente indague minimamente no que fixen ou no que estou a facer, porque na web aelg.gal tes acceso a todo tipo de material e de información, desde o meu perfil de investigador dentro do ámbito da filoloxía á crítica literaria ou ao que sería obra de creación, neste caso narrativa.

En que proxectos está a traballar actualmente?
Agora estou cunha novela practicamente rematada, en fase de revisión. Dentro do meu perfil, do meu estilo –porque teño que dicir que eu son bastante ecléctico na miña maneira de escribir– podo adiantar que esta se decanta con máis claridade polo xénero policíaco, aínda que sempre dunha maneira pouco canónica.

 

Leva publicando desde hai máis de trinta anos. Como cambiou o sector editorial neste tempo?
Cambiou moito, si, máis que nada nos últimos anos, dende a autoedición, por un lado, até o florecemento de moitas editoras de pequeno tamaño, cousa que me parece positiva. Hai que ter en conta que son os premios os que garanten unha maior visibilidade a todos os niveis. Hai trinta anos falabamos practicamente de dúas editoras hexemónicas e outras que estaban nun plano un chisco máis secundario, por exemplo Laiovento, onde editei os premios do Carvalho Calero: “Mar para todo o sempre”, “Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias” e “Unha mada de doce relatos”. Por outra parte, a literatura galega actual está tamén nese estadio ao que nunca chegara antes, unha literatura máis comercial, de xénero, de máis fácil consumo e accesible.

 

Cre que o e-book acabará por desbancar o libro en papel como preferencia do lectorado? 
O e-book continúa estando moi por detrás da lectura en papel, non acaba de callar na sociedade. Vexo que moita xente bota man del cando marcha de vacacións: marchas de viaxe e, en vez de levar dous libros, levas o e-book, que é máis práctico. O papel continúa a ser hexemónico na lectura, tanto na xente nova como na adulta. Quédanlle moitos anos de vida aínda.

 

Como é a vida dun escritor a tempo parcial? A que lle saca tempo? 
Por un lado, roubándolle horas á familia e, polo outro, ao sono. Agora mesmo é máis a madruga que trasnoitar, como facía hai anos.  Realmente escribir é un sacrificio grande, pero ao final é algo que me gusta e que fago con pracer.

A literatura galega actual está tamén nese estadio ao que nunca antes chegara: unha literatura máis comercial, de xénero, de máis fácil consumo e accesible

 

Henrique Dacosta sería outro escritor sen o eixo Canido-Covas? 
Supoño que si. Covas e Canido marcaron, marcan e marcarán a miña forma de escribir. Ás veces intento fuxir deles, pero sempre acabo regresando.

 

Cre que o feito de localizar as historias pode restarlle proxección a unha obra? 
Calquera lugar é universal en si mesmo, sempre, claro, que se faga boa literatura. Pódese facer literatura desde calquera punto con idea de ser universal. Jorge Amado sempre repetía o seu lugar,  Bahía estaba constantemente na súa escrita e non saía de aí, e que Jorge Amado é un escritor universal non ten dúbida ningunha.

 

Como valora o momento actual da literatura galega? 
Estase a facer moi boa literatura, hai máis diversidade, a literatura en feminino está cada vez máis presente e nas posicións máis altas do ranking de vendas. E os clásicos seguen tendo unha presenza importante. Penso, por exemplo, en Riveiro Coello.

 

A que autores ou autoras regresa sempre como lector? 
En galego, o propio Riveiro Coello ou Suso de Toro, Ledicia Costas, Antía Yáñez... Dos clásicos, Castelao, Dieste ou Otero Pedrayo. En castelán, Vargas Llosa e Alejo Carpentier, por exemplo. 

Henrique Dacosta: “Sen dúbida, Canido e Covas marcaron, marcan e marcarán sempre a miña forma de escribir”

Te puede interesar