Este mes de febreiro, o programa cultural do Concello inaugurarase este mesmo sábado, ás 20.30, co espectáculo “Continueixon” do humorista Roberto Vilar, e clausurarase o venres 28, á mesma hora e tamén no Auditorio de Ferrol, co festival en clave ferrolá “Un longo camiño dende os anos 80 ata hoxe”.
A ópera “Il Trovatore de Verdi” continuará o cartel no Jofre este mércores, da man de Opera 2001, que presentará unha coprodución coa Opera de Massy, de París. Na actuación, que se realizará no Jofre ás 20.30, participarán solistas e orquestra sinfónica xunto ao Coro Lírico Siciliano.
O xoves á mesma hora, no Auditorio de Ferrol, a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretará obras de Rachmáninov e Chaikovski, baixo a dirección de Elim Chan e co piano de Lukas Sternath. A música continuará o venres coa xira “Intruso” de Ara Malikian que, tal como avanzou o concelleiro de Cultura, as entradas xa están esgotadas. Los Saxos del Averno introducirán o xénero rock no teatro Jofre, o sábado 8 ás 20.30, onde lles dará a remuda Os Náufragos Teatro coa peza para público infantil “Bulebule”, ás 12.30.
O venres 14, Fernando Cayo e Marcial Álvarez integrarán o elenco de “Los lunes al sol”, novamente ás 20.30, e o sábado 15 á mesma hora, Iván Melón Lewis e Ariel Brínguez ofrecerán o seu concerto de jazz titulado “Alma en Cuba”. A música continuará até final de mes nos dous escenarios, co- mezando pola fusión da guitarra flamenca de Chicuelo e o piano de Marco Mezquida, o xoves 20 ás 20.30 no Jofre, e rematando co festival do Auditorio de Ferrol.
A peza “Malditos tacones”, protagonizada por Olivia Molina e Luisa Martín, inaugurará o mes de marzo no Jofre, ás 20.30. O día 8 á mesma hora, a soprano Ainhoa Arteta actuará xunto a Javier Carmena, ao piano, no Auditorio. A obra que se exhibe esta fin de semana no Pazo da Cultura de Narón para o público infantil, “Rosalía, a pulga que escribía”, de Galitoon, regresará o día 9 de marzo ao Jofre, ás 12.30. O 14 será a quenda da Banda da Loba, que dará un concerto no mesmo escenario, ás 20.30 horas.
A compañía Contraproducións ofrecerá a obra “Cigarreiras” o día 16, ás 20.30, no teatro Jofre. Á mesma hora e neste mesmo espazo, actuarán, en primeiro lugar, Tito Asorey o 21 e, seguidamente, o 22, Karmento ofrecerá o seu espectáculo “La Serrana”. Para pechar a programación cultural de marzo, o Auditorio de Ferrol acollerá o concerto da Real Filharmonía de Galicia, ás 20.30, e ao día seguinte, no teatro Jofre, a esta mesma hora, Paula Quintas Cía ofrecerá o seu especátulo de danza “Aurora Boreal”.