Un xogo foi o xermolo que rematou converténdose en “Poematizar”, un libro que dará a coñecer o seu autor, creador do blog “O berce das palabras”, no Ateneo Ferrolán esta tarde de venres, ás 19.00 horas. Trátase dunha obra de José Vázquez Liste que revisa a historia da poesía galega, dende a lírica medieval até a contemporaneidade.
A fotógrafa Ana Tomé, “compañeira sentimental e de andanzas literarias”, segundo indicou Vázquez Liste, propúxolle escoller un verso para que formulase un diálogo co seu artífice, “aínda que a conversa non teña nada que ver co que pensemos que di”, explicou. Así comezou un entretemento semellante a un clube íntimo de lectura, que desencadeou en 30 poemas inspirados, nun inicio, por letras alleas.
Polo tanto, “Poematizar” tamén é “unha homenaxe a toda esta xente que abriu camiño”, sinalou, así como a algúns dos nomes propios actuais que destacan, incluso, no panorama nacional, “que hoxe en día están loitando pola poesía galega e sobre todo pola nosa fala”, engadiu. Olga Novo ou Yolanda Castaño poden ser algúns destes últimos exemplos, do mesmo xeito que o foron Manuel Antonio, Uxío Novoneyra ou Xohana Torres. Así mesmo, o autor destacou o texto que responde a un dos versos de Luísa Villalta, como escritora conmemorada polas Letras Galegas deste ano.
Polo tanto, trátase dunha obra con numerosas capas, entre as que se dispón un oco para a reivindicación do idioma galego. “Pese á cantidade de xente que hai e a calidade que ten, a lingua está esmorecendo, non pouco a pouco, senón a pasos axigantados”, manifestou o poeta. Aínda que realice un percorrido histórico, a estrutura non segue a cronoloxía. “É un libro que incita a ler e quizáis tamén”, para as persoas que poden dubidar, “a dar ese paso e botarse á aventura de escribir”, comentou.