Os representantes do PSOE, BNG e Ferrol en Común reuníronse onte na sala de comisións do Concello, tamén coa presenza de representación da ANPA do CEIP A Laxe, para denunciar, unha vez máis, os problemas que observan estes colectivos nos centros rurais en canto ao sistema de matriculación e, en particular, o caso do centro de Valón, no que quedarían á espera catro alumnos.
O secretario da Federación Comarcal de Anpas de Centros Públicos, Jaime Acuña, inaugurou a sesión contextualizando o motivo das queixas que veñen sucedendo nos últimos meses, e que levaron hai dúas semanas a entregar 5.500 firmas no rexistro da Xunta, ao acordo firmado para o descenso das ratios pola Consellería e sindicatos.
Este responsable sostén que non se tiveron en conta á hora de asinar o cambio as particularidades dos centros rurais, aos que “prexudica directamente” polo menor número de alumnado con respecto a outras áreas, o que mantén a “ameaza do peche”, e que este curso “viron que teñen máis demanda que oferta de prazas”, indica Acuña.
A intervención de María do Mar López, concelleira do BNG, resaltou que o presente curso comezou cunha moción dos tres grupos da oposición sobre a problemática do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e remata con esta do colexio de Valón, advertindo da distancia que gardan ambas causas, aínda que “cun denominador común, que son os recortes no ensino público”, segundo manifesta López.
Asimesmo, dende o Bloque reclaman que o goberno local solicite á Xunta a admisión urxente dos catro alumnos de 1º, 2º e 4º de Primaria que quedarían na lista de agarda do centro A Laxe, “aumentando o número de profesorado e facendo desdobres se así fose necesario”, declarou, ademais de afirmar que “defender o rural tamén é defender que se manteñan os centros públicos de ensino rural”.
Julián Reina, concelleiro do PSOE, puxo sobre a mesa “os mecanismos burocráticos e administrativos” dispoñibles para “servir aos intereses das familias” e reclamou a “flexibilidade suficiente como para que teñamos esa sensibilidade que permita que estes nenos e nenas non se vexan fóra do centro”.
Polo bando de Ferrol en Común, a concelleira Nerea P. Carballeira lamentou a falla de coherencia da Xunta sobre a súa postura acerca da igualdade de oportunidades. Así pois, a representante sostén que algunhas das consecuencias máis relevantes da negativa de admisión de alumnos no ámbito rural radican na necesidade de mobilidade, afectando na conciliación e no transporte.