A Área Sanitaria de Ferrol retoma as sesións informativas presenciais para preparar o plan de parto, un documento no que se plasman as preferencias nos distintos momentos do alumbramento para facelo, na medida en que clinicamente sexa posible, máis próximo ás preferencias das mulleres. Estes encontros lévanse a cabo os últimos martes de cada mes e diríxense ás embarazadas entre as 28 e 32 semanas e aos seus acompañantes, que tamén poden especificar cal vai ser o seu rol durante o proceso.
Están dirixidos polos profesionais implicados. De feito, na sesión desta semana, a primeira que se levaba a cabo despois da pandemia, falaron Laura Domínguez e Lucía Bolaños, residentes de Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica (matronas). A próxima será o 26 de xullo (mércores porque o martes é festivo).
Na reunión explícanse os distintos aspectos que recolle o documento –entregado previamente polas matronas nos centros de saúde– e tamén se ensinan as instalacións –de forma audiovisual ou presencial, segundo a actividade nese momento–. Tamén se resolven as dúbidas que poida haber sobre os protocolos asistenciais e sobre a mecánica de traballo no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
O Plan de Parto pretende optimizar os recursos dispoñibles “tentando minimizar o impacto propio dun hospital e con actividade docente”, explícase no propio documento, “tratando de facelo compatible co tipo de atención que a muller desexe e das necesidades, preferencias e expectativas que manifeste na súa relación cos profesionais sanitarios”.
Isto implica decidir sobre cuestións relacionadas coa chegada ao hospital, o período de dilatación, o expulsivo ou o puerperio hospitalario, o instrumental do parteo e outras observacións ao respecto. Tamén se inclúen aspectos relativos á participación activa da parella (que pode, por exemplo, cortar o cordón umbilical, se se dá o caso) ou do acompañante elixido, as necesidades especiais de cada muller, o respecto á intimidade e as súas preferencias (como o uso da súa propia roupa).
No documento déixase rexistrado o relativo á asistencia, coidados e alimentación durante o período de dilatación, o tratamento e manexo da dor (epidural ou outras medidas mitigadoras), o material de apoio do que se quere dispoñer (propio ou do centro), as características propias do nacemento, a atención inicial ao recén nado, favorecendo o contacto pel con pel, a lactación materna ou instrucións sobre a hixiene do bebé.
Ter esta información por escrito supón unha axuda para o equipo profesional que atende durante o parto, facilita a comprensión do proceso e permite a participación activa. Tamén se evita ter que tomar estas decisión no propio momento do parto, “cun estado físico e emocional máis vulnerable”, explican desde a Área Sanitaria de Ferrol.
O plan aplícase no desenvolvemento dun parto normal e manterase “sempre e cando non acontezan circunstancias que supoñan un risco para o estado de saúde da nai ou do seu fillo”.