O socialista Ángel Mato, alcalde no último mandato, fixo a súa primeira intervención como partido maioritario da oposición para anunciar o compromiso dos seus sete concelleiros “para seguir traballando con rigor e espírito construtivo”. Alertou de que “a cidade non pode empezar de cero cada catro anos” e de que “hai moitas iniciativas en marcha e proxectos preparados para seguir avanzando na modernización desta cidade”. Por iso pediulle ao novo goberno, “por riba da total lexitimidade que lle outorga a súa maioría, que aproveite todo ese traballo polo ben de Ferrol”.
Mato, que insistiu na dignificación da política como servizo público –e quixo dar exemplo ao seu fillo, alí presente, “porque en política non todo vale, nunca o fin xustifica os medios”–, debullou algúns dos temas pendentes para os que Rey Varela contará co seu apoio. A mellora do tren, o dique cuberto para Navantia ou o polo de I+D en renovable mariña foron algunhas desas cuestións, así como a reorganización do Concello e, “sobre todo, para loitar contra a desigualdade e fomentar iniciativas empresariais tanto públicas como privadas que sigan levando a Ferrol pola senda de crecemento na que xa se atopa”.
Pero tamén anuncia que “nos van ter enfronte ante calquera tentación de voltar a un pasado que non foi ben para esta cidade”, afirmou o socialista. “As antigas receitas en materia de mobilidade, a perda de competencias municipais ou o desmantelamento paulatino dalgúns dos servizos públicos non foron ben para Ferrol”, engadiu.
Reclamou a colaboración das administracións para que se poñan ao servizo da cidadanía. “Non deben ser nunca meros instrumentos políticos”. Neste senso falou de resolver as discrepancias coa Autoridade Portuaria, de dotar de contido a delegación territorial ou de que a Xunta “traballe de forma eficaz polo benestar de Ferrol”, como pasou coa Deputación da Coruña e o Goberno de España.
A Rey Varela lembroulle que a súa maioría “supón un plus de responsabilidade e debe estar á altura das circunstancias” e concluiu reiterando que a súa organización contribuirá “como sempre fixemos, a un Ferrol cada vez máis moderno e sobre todo máis xusto”.