Miguel Boo: “Suso Vaamonde foi un músico rebelde que popularizou a poesía galega”

Miguel Boo: “Suso Vaamonde   foi un músico rebelde que popularizou a poesía galega”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-1062e639

Ao músico Suso Vaamonde e ao xornalista Miguel Boo uniunos a amizade. Nesta estreita relación está a orixe da biografía que o escritor vén de publicar sobre a vida do que, para el, “foi, desde o meu punto de vista, o músico que popularizou aos poetas galegos”. 

Anos antes de saber que morrería como consecuencia dun cancro, Vaamonde encargoulle ao seu amigo a realización, –“cando chegue o día”, díxolle– das súas memorias, para o que lle foi entregando os seus arquivos persoais. Razóns de carácter emocional e o medo a defraudar “a uns e outros” foron adiando no tempo a elaboración dun traballo que agora ve a luz co título “Suso Vaamonde, voz de Trebón”.

“El morreu hai 19 anos e tardei todo este tempo en facelo. Finalmente, o que me propuxen foi non defraudar a Suso, e creo que iso o conseguín”. O autor, nado en Donosti e criado en Vigo estará hoxe na Biblioteca Municipal de Ferrol para presentar a súa obra nun acto organizado polo Club de Prensa de Ferrol.

Segundo explica, o libro é unha aproximación á figura dun home que “foi o gran popularizador da poesía galega. Grazas a que el musicou poemas dos máis sobranceiros poetas como Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Ferrín ou Cunqueiro, entre outros, esten son más coñecidos”, di.

É por isto que o propio Boo lanzouse a encabezar un movemento para solicitar que se lle dedique a Vaamonde o Día das Letras Galegas. “Vou tratar de involucrar, e xa o estou facendo, a fundacións, partidos políticos, localidades, alcaldes, etc. Tamén estou recollendo sinaturas para que fagan os trámites oportunos diante da Real Academia Galega”, explica.

Compromiso
E é que, tal e como salienta o xornalista, Suso Vaamonde foi ademais “un rebelde, un home moi comprometido coa lingua, co seu pobo, e como sempre fixo esto desde a independencia, sen pertencer a ningún partido político, acaboulle pasando factura, porque cando chegaron os momentos malos da súa vida, a partir de 1979 cando foi xulgado e condeado a seis anos de cadea, practicamente todos o abandonaron, non houbo movementos de solidariedade con el”, relata.

A obra recolle tamén, entre outras  moitas cuestións e curiosidades, a relación de Vaamonde co colectivo “Voces Ceibes” que se foi deteriorando ata converterse nunha “xenreira insalvable”.

Miguel Boo: “Suso Vaamonde foi un músico rebelde que popularizou a poesía galega”

Te puede interesar