A xunta directiva da Asociación Galega de Editoras –AGE– vén de cambiar aos seus integrantes, como cada dous anos. Entre eles atópase, como presidente, Miguel Toval, de Edicións Embora, que ten a súa sede na rúa Galiano. Un dos principais obxectivos deste novo equipo do colectivo empresarial, cuxa liña de traballo non sufrirá grandes cambios, é o recoñecemento do libro galego como sector estratéxico.
Segundo indicou o presidente, practicamente o 90% das entidades que editan en lingua galega están adheridas á asociación, na que “é fácil representar a xente que, máis ou menos todos, camiña na mesma dirección”. Así, dende hai máis dun decenio, realízase unha única candidatura de consenso.
Polo seu propio carácter, o principal obxectivo da Asociación Galega de Editoras é a defensa dos intereses empresariais de todo o colectivo. En consecuencia, “o problema que todos detectamos e consideramos o máis importante é o estado de uso da lingua galega, porque nos afecta como empresas”, manifestou Miguel Toval, indicando exemplos da vida profesional aos que lles atinxe esta situación, como os procesos de venda ou de presentación.
“Está constatado nos últimos estudos, tanto da Federación do Gremio de Editores, como da propia Xunta de Galicia e a Real Academia Galega”, sinalou o presidente, sobre os índices de uso da lingua, que “están baixando e son menores que hai unha década e que hai vinte anos”.
As estatísticas suscitan que unha das principais necesidades sexa a actuación, non só por parte da sociedade civil, senón “fundamentalmente” polas administracións públicas, que son “as que teñen as competencias e os recursos” para traballar na loita deste obstáculo. “Iso é un problema para o idioma e tamén para as empresas que traballamos con con el”, continúa.
As 47 empresas que abarca a AGE pertencen a sectores editoriais diversos, dende os libros de texto aos xeralistas, polo que as xuntas directivas, nas que Toval xa levaba arredor de seis anos noutros cargos, tratan de que todas estean representadas. Á marxe do tipo de negocio, o aspecto xeográfico tamén é outro dos criterios que tratan de atender, aínda que, por unha cuestión numérica, xa que o equipo está integrado por oito profesionais, non é posible representar todos os territorios.