A exposición “Oroza, último xograr” chega á cidade da man da asociación Évame Oroza, que trata de manter o legado do poeta natural de Viveiro, cun vínculo particular con Ferrol. A inauguración ten lugar hoxe na Praza da Constitución, ás 19.30 horas. O acto contará cunha visita guiada pola mostra e os recitais de María Lado e Juan Carlos Mestre.
A praza do Cantón acolle desde a pasada tarde unha recompilación de seis cubos que contan a traxectoria vital e literaria de Carlos Oroza. Que o proxecto coincida coa coa edición 16 da Semana da Poesía Salvaxe é relevante, xa que nas últimas etapas da súa vida, o autor participou en varias ocasións no certame.
Despois de exhibirse por diversos puntos da comunidade, a mostra “Oroza, último xograr” achégase á cidade porque “era un deses concellos onde queríamos ir pola relación que Carlos Oroza tivo con Ferrol”, expón Xabier Romero, presidente da asociación Évame Oroza. Este membro da directiva informa tamén da intención de continuar espallando a proposta, e que “pretendemos chegar con ela incluso a localidades máis pequenas”.
O obxectivo principal do certame é “dar a coñecer a figura e a obra de Carlos Oroza” porque “curiosamente é un poeta pouco coñecido en Galicia, a pesar de ser galego”, indica Romero, quen o define como “un poeta raro”. Nisto coincide o técnico de cultura do Concello, Marcos Lorenzo, que lembra que se trata dun autor que recibiu o Premio Internacional de Poesía Underground.
Segundo explicou o presidente de Évame Oroza, trátase dun poeta oral que, durante a súa vida, editou poucas pezas. “Publicou poemas concretos e algunha obra cun artista plástico”, explica Romero, quen engade que até fai arredor de 10 anos non saíu á luz a súa obra completa.
“Fainos moita ilusión vir a Ferrol, onde aínda hai moita xente que o lembra”, conclúe Romero.
O evento de apertura consiste, en primeiro lugar, nun percorrido guiado no que se irá explicando a mostra. Así mesmo, a escritora María Lado, moi vinculada á asociación e que xa participou noutras cidades, recitará algunha das creacións de Oroza.
Ademais, colabora por primeira vez o poeta Juan Carlos Mestre, coñecedor da obra do homenaxeado e que resulta ideal para este acto, segundo Romero.
A asociación, que ten sede en Vigo, foi constituída fai arredor dun ano e medio con motivo do centenario de Carlos Oroza. O colectivo organiza eventos culturais de diversos tipos pero esta é a primeira exposición exterior que dedica ao poeta. O traballo de Évame Oroza, que recibe o nome por unha das obras do autor, inclúe a colección de materiais que continúan xurdindo, como escritos, fotos ou cintas.