Narón censura a actitude do Goberno ao excluílo novamente dos fondos de Transición Xusta

Narón censura a actitude do Goberno ao excluílo novamente dos fondos de Transición Xusta
Polígono de Río do Pozo

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, calificou de “lamentable e tremendamente inxusto” o feito de que as empresarias e empresarios de Narón, así como persoas emprendedoras da vila, non poidan optar á segunda liña de axudas establecidas polo Goberno central para a Transición Xusta, orzamentadas en conxunto en 40 millóns de euros. “Unha vez máis o goberno central deixa de lado a Narón, quedando fóra do convenio cos dezanove concellos da comarca para impulsar proxectos que se poidan acoller ás novas axudas estatais con bonificacións para contratación de persoas afectadas polo peche das térmicas”, lamentou a rexedora.


O pasado mes de xullo a alcaldesa mantiña unha reunión na Coruña co delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, e con Nuria Lamas, axente de Transición en Galicia, na que o propio Miñones lle avanzaba a Ferreiro que se ía abrir unha nova liña de axudas e aseguraba que poderían optar a elas os empresarios e empresarias de Narón. A cidade xa quedou excluída da liña de 12,4 millóns para proxectos sociais, ambientais e culturais en 14 concellos galegos que forman parte dos procesos de Transición Xusta, polo que en canto se anunciou esa nova liña Ferreiro contactou telefónicamente con Miñones que, días máis tarde, confirmou que Narón queda excluído novamente das mesmas, como informan desde o Concello.


“Os empresarios, empresarias e persoas emprendedoras de Narón xa quedaron fóra de dúas liñas de subvencións do Goberno central, unhas axudas moi necesarias nesta cidade, en cuxos polígonos industriais están asentadas varias empresas que traballaron como subcontratas na térmica pontesa”, subliñou a alcaldesa.


Así mesmo, avanzou Marián Ferreiro que, segundo se manifesta  dende o Goberno central, Narón tampouco optará á nova convocatoria anunciada de 25 millóns para equipamentos municipais, ao excluílo dos dezanove concellos da zona no proceso de Transición Xusta.


A rexedora denunciou “a falta absoluta de compromiso do Ministerio de Transición Ecolóxica en xeral con Narón, onde hai tan só uns días estoitabamos a un representante do PSOE dicir que pretende apostar polo tecido empresarial”, indicou Ferreiro. 

Narón censura a actitude do Goberno ao excluílo novamente dos fondos de Transición Xusta

Te puede interesar