O Centro Dramático Galego, que dende hoxe xoves até o 6 de abril representará “A burra, a mesa e o pau”, vén de seleccionar un dos talentos locais que acaban de dar a luz O Balcón, Nelu Vermouth. A compañía, que naceu o ano pasado cun forte vínculo co eido cultural de Narón, está inmersa no proceso creativo da que será a súa peza debut: “Novela negra”.
“As formacións escénicas para min son transversais”, relata o actor, que acumula dez anos de experiencia na Banda de Gaitas do Padroado, onde tamén se dedicou ao baile galego. No ámbito da interpretación, estudou na ESAD de Vigo; no Laboratorio Escuela Jessica Walker, en Barcelona; e na Estal de Lisboa, onde consolidou “os meus intereses dentro da dramaturxia, do corpo, da poesía como ferramenta escénica...”.
Esta é a primeira vez que Nelu Vermouth actúa co CDG, aínda que a cuarta que fai o casting. En cada unha das convocatorias toca un proxecto distinto, pero este profesional dificilmente podía estar máis satisfeito coa peza que representará no Salón Teatro compostelán, cos habituais servizos de accesibilidade e mobilidade desde 65 concellos. Particularmente, destaca o traballo da directora, Lorena Conde, e da axudante de dirección, Inés Salvado, que realizan dende a perspectiva do colectivo.
O artista resume a peza como “un conto contemporáneo”, que se basea nunha narración “que recolleran os irmáns Grimm sobre o que significa o traballo con respecto á familia, a valía que che dá”. Aínda que esta historia tamén aparece en “A burra, a mesa e o pau”, a dramaturxia de Conde muda completamente a trama, chegando a poñer enriba da mesa temas de actualidade como os coidados ou incluso a sexualidade.
Así, a partir das diferentes perspectivas dos membros dunha familia galega demóstrase que “os teitos de cristais existen”, sempre cunha “visión estética moi pouco liñal”, un trazo que encandila a Nelu Vermouth por analoxía co propio pensamento, amais de trasladar unha técnica habitual no cine ao teatro.
“Os inicios en calquera empresa sempre son complicados, e máis cando tes que facer un traballo creativo ademais de burocrático”, declara o actor, que fundou a compañía o ano pasado con outras tres persoas que tamén formaron parte dos grupos teatral e musical do Padroado da Cultura: Sandra Martínez, Alejandro Martín e Uxía Muíño.
A peza de creación propia que teñen entre mans é “Novela negra”, “unha crítica do true crime”, xa que, “como público, dalgunha forma tamén fomentamos o morbo”, xustificando certas licencias coa fin do entretemento ou a cultura, explica Nelu Vermouth. Esta proposta, para a que desenvolveron unha importante investigación, está previsto que poida estrearse despois do verán, e o que lles gustaría é que fose nun escenario de proximidade, dado o seu vínculo local.