Novos enfoques para unha aprendizaxe máis autónoma no CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol

Novos enfoques para unha aprendizaxe máis autónoma no CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol
O grupo de mestras de Infantil, o pasado mércores, nunha das aulas nas que están a desenvolver o proxecto | jorge meis

O ensino é necesariamente evolución continua e poucas ferramentas hai máis determinantes que a innovación para que os adultos e adultas do futuro poidan desenvolverse plenamente para construír unha sociedade mellor. 


A teoría é facilmente compartible pola inmensa maioría das familias e profesionais do ensino, pero a clave é atopar o modo de poder aplicala para que sexa efectiva e o máis integradora posible. Nese camiño andan moitos técnicos, asesores, centros e docentes, nun proceso de aprendizaxe e formación como o que teñen feito as mestras de Educación Infantil do CEIP Cruceiro de Canido


A través dos programas e opcións que facilita o Centro de Formación e Recursos de Ferrol, as profesoras puideron coñecer unha experiencia que xa está en funcionamento no CPI Centieiras e que, a grandes rasgos, consiste nunha nova organización do espazo do colexio, neste caso por ambientes de aprendizaxe. 


A organización 

Concibido como un elemento pedagóxico máis, cada ambiente –no Cruceiro teñen cinco: lóxicomatemático, arte, lecto-escritura, ciencias e vida práctica– xera as condicións para “o desenvolvemento integral dos nenos e nenas, preparándoos para ser autónomos e capaces de elixir, decidir e actuar a partir de propostas didácticas”, explican desde o centro ferrolán. O obxectivo, que o alumno sexa protagonista do seu proceso de aprendizaxe.


Silvia Romeu, Jessica Graña, Cecilia Pantín, Isabel Fraguela, Isabel López, Pilar Cotilla e Lucía Baltasar son as profesoras implicadas nun cambio que xorde da formación continua, neste caso no eido da renovación psicopedagóxica en espazos e materiais. “Trátase dun novo enfoque na organización espacial do centro e da aula”, asegura Jessica Graña antes de detallalo. “Antes había unha aula para 3 anos, outra para 4 e outra para 5”, di, “e en cada unha estaba todo o material de todas as áreas do currículo. Agora, cada aula está dedicada ao contido de cada ambiente. Agora mesmo estamos traballando na implantación do quinto, o de vida práctica”. 


Cada clase, polo tanto, non só é a aula base para cada grupo de alumnos, senón que é un “ambiente preparado para un determinado tipo de proposta educativa”. Dese modo, tras a asemblea de primeira hora –un elemento herdado do sistema anterior–, o alumnado móvese a un ambiente de aprendizaxe (cada día da semana, un distinto), regresan á base para merender e, tralo recreo, reciben ao especialista (inglés, música, psicomotricidade ou relixión/valores) para rematar a xornada cunha dinámica coa titora (xogo, momento lector etc.).


O alumnado máis pequeno, de 3 anos, vén de incorporarse a esta dinámica, explica Silvia Romeu, que, ao igual que Cecilia Pantín, subliña as facilidades do centro para coordinar os horarios cos especialistas para que a máquina estea ben engranada.

 

“Créanse espazos moito máis abertos que antes para facilitar a libre circulación”

Unha nova concepción e distribución do espazo está detrás deste proxecto que se desenvolve este curso no Cruceiro de Canido. Sinala Silva Romeu a este respecto que se trata de “espazos moitísimo máis abertos do que eran antes para que a circulación e o libre movemento sexan mellores”. Nesa liña maniféstase tamén Jessica Graña, quen comenta que aos nenos e nenas “están contentos porque lles encanta o movemento entre aulas e a liberdade para moverse nos distintos ambientes”, polo que, engade Romeu, son os propios nenos e nenas “quen van decidindo o tempo de cada actividade, e as propostas ímolas cambiando”. 


Cecilia Pantín, pola súa banda, subliña que con este novo sistema “son moito máis autónomos”. É un dos beneficios que destacan as profesoras. Graña engade a “liberdade de elixir e, ao ter os materiais centralizados por ambientes, en cada aula teñen todo o que necesitan. Antes tiñamos que ter de todo en cada unha das aulas”. Iso tamén é positivo para aqueles nenos que son máis inmaduros, apunta Pantín. “Ao estar todo o material para as tres idades en cada aula, podemos adaptarnos mellor aos ritmos de cada neno”, adianta. 

 

Contento o centro e contentas as familias

A experiencia do Cruceiro, que chega para quedar, é satisfactoria non só para o equipo de Infantil e o centro, senón tamén para as familias. “Temos un feed-back moi positivo”, recalca Jessica Graña, quen incide no agradecemento ao equipo directivo do centro pola adaptación dos horarios. 


Loxicamente, o cambio é froito do esforzo de moitas persoas. Houbo que adaptar as aulas, mover mobiliario e pór en marcha un cambio estético nas propias aulas, desde as cores (neutras), co hándicap, di Cecilia Pantín, “de que se acababa de pintar o centro”. 

Novos enfoques para unha aprendizaxe máis autónoma no CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol

Te puede interesar