O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá esta noite o concerto da xira de presentación do novo traballo discográfico de Verónica Codesal, “100 voltas”. A líder do grupo Ialma, que acadou sona internacional coa súa participación e segundo posto en Eurovisión no ano 2003, co grupo belga Urban Trad, propón neste disco unha viaxe á esencia da cultura e a tradición galegas baixo o foco da contemporaneidade.
O concerto, de entrada gratuída, será ás 21.30h e forma parte do ciclo Outono Cultural da Deputación da Coruña. A pandereteira e cantante Verónica Codesal comparte esta nova aventura musical con dous instrumentistas portentosos que a teñen acompañado xa en moitas ocasións: Didier Laloy, ao acordeón diatónico, e Damiel Chienci ao violín.
En “100 voltas”, Verónica Codesal mistura textos tradicionais, letras propias e tamén versos de poetas contemporáneas como son Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Rosalía Fernández Rial e Brais Fernandez.
Estamos ante un proxecto en feminino, no que cobran protagonismo as historias de mulleres, e incorpora, coincidindo co vinte aniversario do seu paso por Eurovisión, unha nova versión do tema “Sanomí”, co que Bélxica acadou aquel celebrado segundo posto.
Verónida Codesal, filla de emigrantes galegos en Bélxica, é unha activista da cultura e a lingua galegas. Entre 2002 e 2012, e desde 2015 é cantora do grupo Urban Trad, posto que comparte con Soetkin Collier. Forma parte tamén de diferentes proxectos municipais: Camaxe, Ialma, Vivas Niñas, e é profesora de danza galega no grupo Foliada. Participa tamén das actividades do Muziekpublique, un organismo de Bruxelas que traballa na promoción da música e baile tradicionais de todo o mundo