A paxareira do Cantón será este ano, por primeira vez, parada obrigada para quen queira gozar do Nadal ferrolán. Deseñouse para este carismático espazo unha decoración a medida na que non falta detalle.
O eixe será unha gran árbore de catro metros e ao seu redor ubícanse oito abetos naturais e preto de 90 flores de Pascua –vermellas e brancas–, un nacemento de gran tamaño, tres crebanoces (xoguetes) de madeira de diferentes tamaños –un deles con movemento–, unha familia de huskies siberianos, osos polares, bonecos e bolas de neve, farois, renos e un gran Papá Noel.
Ademais de todos estes elementos cóntase cun alumeado que inclúe preto de 18.000 bombillas led, de baixo consumo. Estará acendido ata o 7 de xaneiro, incluído.