A Poesía Salvaxe volve ocupar prazas e recunchos da cidade como acto de resistencia cultural

Este encontro de alcance internacional celebrarase durante tres xornadas da próxima semana
A Poesía Salvaxe volve ocupar prazas e recunchos da cidade como acto de resistencia cultural
Un dos artistas que participaron o ano pasado, neste caso Luix Kaf, na cita que se celebrou no mercado de Recimil | JORGE MEIS

O mes de abril lembra a revolución, non só en termos históricos senón tamén artísticos, especialmente en Ferrol, que anualmente se transforma en sede da Poesía Salvaxe. Este encontro, que celebrará a súa XVII edición do xoves 24 ao sábado 26, volverá tomar as rúas e outros espazos da cidade que adoitan acoller actividades da vida cotiá para sacar do peito “A palabra encarnada”.


A liberdade que proporciona a poesía é un dos fundamentos que provocaron o nacemento, no 2008, desta proposta inseparable da conciencia social. Do mesmo xeito que o ano pasado, nos dous carteis cos que se identifica o evento, realizados polos artistas gráficos Bruno L. Teixeiro e Manolo Sierra, volve facerse referencia a causas polas que levantar a voz como o xenocidio palestino.


Dende fai 17 anos ininterrompidos, A Poesía Salvaxe transforma a cidade ferrolá, reunindo un total de 170 poetas de diversas idades e procedentes de puntos xeográficos distantes, que dan conta da consolidación desta cita como referente galego e incluso chegando a traspasar as fronteiras do Estado.


A organización quere destacar “a forza do colectivo” que posibilita este encontro de primavera anualmente. Neste sentido, concrétanse algunhas agrupacións ou entidades culturais e cidadás que nunca fallan cos seus apoios: é o caso do centro social Artábria, a Asociación Veciñal de Canido, Fuco Buxán, Radio Fene, Sociedade Cultural Medulio e o Ateneo Ferrolán.


Así mesmo, agradecen a axuda de establecementos como Ivo Gráficas e locais de hostalaría rexentados por cidadáns anónimos “que abren as súas portas e corazóns: Manchita Cosa, Cuerda Floja, Papillón, O Xustiño, Café Dover, O Cabazo...”. Ademais, especialmente agradecen tanto o apoio coma o respecto da concellería de Cultura, que se implica para levar adiante o proxecto.


Programa

O cartel desta XVII Poesía Salvaxe estará protagonizado, en primeiro lugar, por poetas que veñen dende distintos puntos de dentro e fóra de España: Miren Agur Meabe, de Euskadi; Silvia Abad Montoliú, de Francia; Judite Canha Fernandes, de Portugal; Víctor M. Díez e o multiinstrumentista Rodrigo Martínez, de León, e Itha K., de Valencia. Da mesma maneira, desprazaranse dentro do ámbito galego os artistas Anxo Angueira, Lucía Aldao, Estevo Creus, Eduardo Moga, Pepe Cáccamo e Baldo Ramos.


Por outro lado, esta programación non sería posible sen a achega esencial que realizan os e as poetas locais e comarcais: Eugenia Sanmartín, Helga Méndez, Marcos Lorenzo, Manolo Bacalhau, Antón Cortizas, Chefa Alonso, Vicente Araguas, Karlotti, Nicolás Vidal, Roger de Flor, Colectivo Moraima, Xoán Abeledo e algunha sorpresa máis.


O fotógrafo Pepe Posse, que colabora coa Poesía Salvaxe dende o seu nacemento facendo as súas capturas, que chegou a expoñer no Ateneo hai xustamente dez anos baixo o título “Mondas de Luz”, volverá rexistrar os momentos desta XVII edición para o resto da eternidade. 

A Poesía Salvaxe volve ocupar prazas e recunchos da cidade como acto de resistencia cultural

Te puede interesar