O historiador Ramón Villares presenta ás 19.30 horas de hoxe na Central Librera da rúa Dolores o seu último libro, “Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira”, un ensaio publicado orixinalmente en portugués que ve a luz en galego grazas á editorial Galaxia. O catedrático de Historia Contemporánea da USC estará acompañado no acto polos docentes Malay Sobrín e Martiño Montero Santalla.
Nesa relación entre Galicia e Portugal que analiza no libro, houbo na historia máis irmandade ou máis fronteira?
Loxicamente, se miramos a longo prazo, por exemplo desde a Prehistoria, foi máis irmandade porque o Reino de Portugal aínda non ten mil anos e podemos dicir que hai unha fronteira desde hai un milenio, tirando moito por arriba, pero durante moitos séculos foi un límite permeable, que mudou, mesmo houbo unha unión das Coroas na época dos Habsburgo. De modo que, se o miramos con perspectiva, o natural foi un territorio continuo pero non unificado, pois había tribos de diferentes orientacións. Realmente quen definiu Galicia foron os romanos ao chamarlle precisamente a provincia dos “kallaikoi” . Entraron pouco antes do nacemento de Cristo e houbo mil anos en que houbo unha continuidade con distintas fórmulas (convento xurídico, reino suevo, reino cristián...). A fronteira é un fenómeno bastante tardío, pero iso pasa en moitos outros países: fíxate onde está a fronteira que divide Francia e Alemaña, ou moitos outros lugares.
Cal é a tese que defende?
O que quero chamar a atención para os galegos de hoxe é que ese territorio non só está próximo física e culturalmente, senón tamén que foi moi importante para a propia configuración da identidade galega. Hoxe temos un desafío cara ao futuro de facelo máis próximo, menos fronteirizo, máis imbricado, aínda que sen que haxa que pensar nunha unión política porque a curto prazo non vexo que sexa posible.
Cal foi o momento máis complicado entre ambos países na Idade Contemporánea?
Houbo algúns conflitos fronteirizos bastante importantes durante a chamada Guerra da Restauración da Independencia por parte de Portugal en 1640. Logo no século XIX houbo un período de bastante distancia e de relacións de certo desdén, e na época contemporánea houbo un progresivo interese por parte dos portugueses e tamén por parte dos intelectuais galegos por aproximarse a Portugal: Faraldo na revolución de 1846, Murguía, Pardo Bazán, Curros Enríquez... Todos eles tiveron unha gran “vocación lusitana”. No século XX esa tentativa foi moito máis intensa coas Irmandades da Fala, que eran moi pro-lusitanistas, e coa Xeración Nós tamén. Castelao foi un gran defensor desas relacións, como mostra no “Sempre en Galiza”, de modo que houbo unha tentativa de construír irmandade. Hoxe, a cooperación transfronteiriza é tremendamente importante: a máis intensa que hai en toda a fronteira española é a que se dá entre o norte de Portugal e Galicia. É unha cooperación que permite o paso de mercadorías, de persoas, de ideas, etc. Isto sitúanos nun camiño que pode levar a un “continuum” entre Portugal e Galicia. Que fórmula política terá? Non o sei, pero creo que hai que prepararse para iso.
Coa lei Paz-Andrade deuse un novo pulo á lusofonía. Cre que, con este tipo de iniciativas, a cidadanía galega vai percibir, ou reforzar a idea, de que hai máis cousas que unen?
Creo que avanzamos nesa dirección. A lei Paz-Andrade permitiu que se expandise o portugués como lingua no ensino medio, aínda que non sexa vehicular, senón estranxeira, pero algo é algo. Tamén sabemos que os galegos, tanto en Portugal como en Brasil, teñen unha vantaxe comparativa pola proximidade idiomática. É evidente que en Galicia non se fala portugués co sotaque de Lisboa, pero algún día tamén eles terán que admitirnos como somos. E creo que aquí hai un traballo de dobre vía e debe facerse tanto desde Galicia como desde Portugal. Eles teñen que recoñecernos como diferentes pero moi próximos, e nós temos que recoñecelos como unha terra irmá, como a definiu Teixeira de Pascoaes, con perfís e trazos diferentes, loxicamente, porque tampouco somos iguais en todo. Con todo, as diferenzas que hai entre andaluces e cántabros son superiores ás que hai entre miñotos e galegos, coa particularidade de que andaluces e cántabros están en España e galegos e portugueses en dous estados distintos.