O humorista Carlos Blanco dará un espectáculo o vindeiro mércores 10 de xullo, ás 21.30 horas, na praza do alcalde Ramón Souto de Fene. Para esta sesión é preciso recoller unha invitación, que se entregará na Casa da Cultura a partir deste venres, ás 10.00 horas. Cada un dos interesados en asistir ao monólogo, que se integra no programa “Xullo, mes da patria”, poderá recibir dúas entradas como máximo, sen custe algún, por persoa adulta e até completar o aforo.
Á marxe de humorista, Carlos Blanco é actor de teatro, cinema e televisión. Nestas profesións chegou a traballar a nivel estatal, en producións como Fariña, Antidisturbios ou La Unidad. Esta figura representa un dos pioneiros do monólogo cómico en Galicia, unha faceta pola que foi recoñecido en certames tan prestixiosos neste eido como El Club de la Comedia e que nesta ocasión virá a ofrecer a Fene.
A concellería de Cultura completa o programa do tradicional encontro da Liga de Amigos de Barallobre que se celebra o sábado a partir das 12.30 horas. O engadido para a Romaría do Camiñante son os cantos de taberna dos Cantaberneiros, á 13.30 horas na pista da Liga de Amigos.