A necesidade de coñecer o modelo de exame da Proba de Acceso á Universidade é o principal motivo que leva ao Sindicato de Estudantes a convocar unha folga a nivel nacional, para Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. Entre as tres localizacións galegas atópase Ferrol, onde o inicio está previsto ás 12.00 horas na Xunta.
Esta reclamación foi a que realizaron a semana pasada algúns alumnos en Murcia e, segundo manteñen dende a organización, “respóndesenos cunha brutalidade policial maiúscula”, explicitando que o resultado foi “decenas de antidisturbios, pelotas de goma, porrazos e mozos e mozas en urxencias”. Así pois, dende o sindicato esixen “xuízo e castigo para os policías implicados nesta intervención e a súa expulsión inmediata do corpo, así como a dimisión da delegada do goberno de Murcia e do ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska”.
Os alumnos e alumnas de segundo de Bacharelato son os principais afectados pola ausencia de infomación detallada sobre o modelo de exame da PAU, que desenvolverán a finais deste curso. Non obstante, a folga esténdese aos outros niveis educativos “ante a solidariedade que xa estamos a recibir por parte do conxunto das e dos estudantes”, sinalaron os mesmos.
Segundo os convocantes, o único dato que se publicou ao respecto é que as probas celebraranse nos días 3, 4 e 5 de xuño. Así mesmo, co transcurso de varias semanas dentro do ano académico, o Sindicato de Estudantes considera que “o Ministerio de Educación e as Consellerías Educativas están a manter un silencio intolerábel”, xa que non se presentaron “os cambios e novidades antes de arrancar o curso, permitindo ao noso profesorado preparar ben os contidos académicos e garantir que o estudantado teñamos facilidades para prepararmos esta proba”.