Sintropía: un termo que se leva a estudo en Canido e se aplica no seu bosque comestible

As “Xornadas agroforestais” de Projecto Dispersor continúan abertas á participación con reserva previa
Sintropía: un termo que se leva a estudo en Canido e se aplica no seu bosque comestible
O nome do espazo rende homenaxe á persoa que o cedeu | DANIEL ALEXANDRE

A función dos seres humanos no planeta, nada menos, é un dos temas de debate que agocha o proxecto do bosque comestible Amalín Niebla, en Canido. Esta organización, en colaboración con Projecto Dispersor, Agro Cabaré Opaí, a Asociación Veciñal e o Concello, estreou este mes as “Xornadas agroforestais” cunha introdución teórica, que continuará con outras citas, xa de carácter práctico, nesta fin de semana e tamén en marzo.


A primeira sesión, un curso de iniciación que se repetiu tras quedar moita xente fóra da primeira convocatoria, completouse coa proxección do documental “Sintrópica, semillas de cambio”, dirixido por Miguel García Orive. A filme amosa a viaxe realizada pola península por Jaime Páramo, agricultor especialista e divulgador de “Projecto Dispersor”, que se ocupa desta proposta formativa dividida en tres módulos.


Nas imaxes, este e outros compañeiros protagonistas vanse atopando con xente que utiliza nos seus terreos a agricultura sintrópica, que precisamente é o centro das “Xornadas agroforestais”. Tal como resume o coordinador do bosque comestible e das agroformacións, Marcos Galdo, esta metodoloxía “significa cambiar o paradigma de poñer ao ser humano no centro como o máis intelixente da natureza”, un entorno que se adoita interpretar como obxecto de control  e explotación para a obtención de diversos froitos.


Pola contra, este concepto entende o ecosistema como un todo no que se integran as persoas e que, cando realizan a súa función, este responde producindo abundancia. Seguindo estes coñecementos, o bosque de Canido que xa está en camiño constitúe “un sitio para mostrar o que a natureza nos pode dar se nos desprazamos desa visión antropocentrista”, segue o coordinador.


Un dos principais aspectos que quixo cumprir a entidade á hora de organizar este tipo de agroformacións é que foran accesibles economicamente, xa que se trata dun sector que adoita ter prezos altos, segundo Galdo. Así mesmo, as citas ocupan boa parte da xornada, entre mañá e tarde, incluíndo un xantar que se aproveita como un espazo para o encontro. Aínda quedan prazas libres para as vindeiras sesións e os interesados poden anotarse enviando un WhatsApp ao teléfono 659 264 199.


O seguinte módulo desenvolverase no propio bosque comestible Amalín Niebla, entre o sábado 22 e o domingo 23, de 9.30 a 14.00 e de 15.30 a 18.00 horas. Nesta ocasión, levarase a cabo unha das técnicas nas que se apoia esta metodoloxía agroforestal como é a instalación de liñas de biomasa, co obxectivo de que as plantas enriquezan o chan.

 

Neste mesmo terreo terá lugar a última parte da proposta, o 8 e 9 de marzo sen cambios de horario, no que se continuará traballando in situ para converter os bancais de cultivo actuais a sistemas sucesionais, de xeito que un mesmo espazo albergue especies con ciclos vitais moi distintos. Ademais, instalaranse liñas para a produción de especies trepadoras, unha tarefa que o coordinador explicou cun exemplo que caracteriza en boa medida á agricultura sintrópica, no que as distintas plantas colaboran entre si. A intención é colocar especies como kiwis, maracuxá ou uvas para que crezan pola estructura da sebe de tuias, que vive nun dos bordos da parcela.


Orixes 

A iniciativa do bosque comestible xurdiu a partir da Asociación Veciñal de Canido, unha entidade que comparte a filosofía de “darlle un uso ás parcelas en beneficio da veciñanza e crear comunidade”, segundo sinala o presidente, Roberto Taboada, especialmente nun barrio que conta cunha importante cantidade de terreos rústicos, polo que esta permanece aberta á promoción das ideas doutras persoas e colectivos.


Un dos proxectos que xestiona a organización é a horta comunitaria que se sitúa a carón do centro cívico, na que traballaba un grupo que “buscaba unha forma de cultivar distinta da tradicional; tamén é xente máis nova, cunhas inquedanzas sobre a agricultura moito máis actuais”, continúa, un espírito de exploración que os conduciu até o concepto dos bosques comestibles.


Precisamente fai tres anos, o 18 de febreiro de 2022, asinouse o contrato de cesión en precario do terreo que hoxe habita o aínda moi novo espazo, xa que se trata dun plan a valorar a longo prazo, a diferenza da horta convencional. Esta parcela anexa ao lavadoiro de Insua é propiedade dunha veciña que non a podía manter, Amalín Niebla, á que se rende homenaxe co nome identificativo do bosque “pola súa xenerosidade”, expresa Taboada.


Tal como relata Galdo, a partir da investigación en universos como os da agricultura sintrópica ou a permacultura, os fundadores comezaron por definir os usos que lle ían dar ao terreo. Entre estes atopábase o obxectivo de crear “un sitio onde puidésemos levar a cabo cursos de agroformación e tamén que producise abundancia” de comestíbeis, tanto dirixidos á man de obra como “incluso, a máis persoas das que o traballan”, concretando exemplos para poñer os froitos ao servizo da comunidade como os bancos de alimentos.


Por este motivo, o bosque comestible Amalín Niebla convoca un par de xornadas de traballo comunitario ao mes, que se complementan coas distintas agroformacións como a que neste momento leva a cabo Jaime Páramo, de Projecto Dispersor. Actualmente, o grupo polo que se comunican os participantes conta con arredor de 30 persoas e unha vintena participan nas citas formativas, como as 18 que asistiron ao primeiro módulo.


Evolución 

Dende que se conseguiu a parcela, o primeiro ano de traballo dedicouse ao mantemento e limpeza, xa que, ao pouco, se descubriu a cantidade de cascallos e lixo que albergaba. A segunda fase xa consistiu na preparación do terreo, na plantación de árbores e a instalación dun contedor para gardar as ferramentas.
 

“Fomos evolucionando e aprendendo en todo o proceso”, relata Marcos Galdo, quen deu conta do primeiro impulso de centrarse nas froiteiras, para as que a terra non estaba aínda preparada. Así, neste momento a intención é plantar “máis árbores que nos van dar materia orgánica para alimentar ese chan”, polo que a predilección son especies de rápido crecemento como poden ser a retama ou o “tan mal visto” eucalipto, cuxa problemática vén cando se usa para o monocultivo e non é que teña características nocivas de por si, segundo explica o coordinador.


Segundo traslada o coordinador, que en todo caso, continúa en proceso de aprendizaxe, unha das tarefas fundamentais a levar a cabo é a poda. Con este proceso “estimulamos moito a fotosíntese nesas árbores e ademais, aportamos moitísima materia orgánica ao chan”, co obxectivo de que se convirta nalgo nutritivo coa intervención da vida subterránea, como poden ser as micorrizas.


En relación con isto, a través desta metodoloxía trátase de erradicar o paradigma de que as plantas compiten entre elas, xa que pola contra, colaboran, tal como apunta Galdo. Igualmente, os seres humanos teñen a capacidade de beneficiarse mutuamente con outros seres do entorno natural, constatando que existe un “sistema que convive en harmonía” que, “cando funciona ben, hai un retorno de abundancia”.
Da mesma maneira, sobre as bases que rexen a agricultura sintrópica, este responsable sinala que “a idea é plantar moita densidade e ao longo do tempo vas aproveitando as especies que máis che conveñen”.


Así, pódese xogar cos diferentes estratos de luz e as distintas alturas das árbores e outros vexetais, coa fin de que a actuación humana sexa cada vez menor. A pesar de que este  aínda é o terceiro ano de vida do bosque Amalín Niebla, o abandono sería a derradeira fase dun proxecto de agricultura sintrópica, que “xa funciona sen a nosa intervención, para seguir avanzando cara a outro sitio e ir creando bosque por donde non había nada”. 

Sintropía: un termo que se leva a estudo en Canido e se aplica no seu bosque comestible

Te puede interesar