O selo discográfico Ferror Records celebrará o vindeiro sábado, a partir das 20.00 horas no centro cívico, a primeira das catro citas previstas ata o mes de setembro nunha nova edición, a terceira, de Solpores en Canido. O evento, que conta co apoio da entidade veciñal do barrio e da firma Mahou, achegará nesta primera sesión da nova temporada a música de Chicharrón, Mounqup e a dj Celulite. A entrada, de novo, será de balde.
O cartel das vindeiras citas irase dando a coñecer nas semanas previas aos concertos. O que si se pode avanzar xa, indican os seus promotores, é que a edición actual será a máis ambiciosa das desenvolvidas ata o de agora no tocante á programación musical. O respaldo do público á iniciativa impulsada por Fernando Fernández Rego e Sergio Peck (socios de Ferror Records) é un motor esencial para tratar de seguir mellorando ano tras ano un programa que “funciona moi ben”, comenta Rego.
Como aperitivo celebraron o pasado mes de maio a feira do disco e xa entón houbo una grande afluencia. A meirande parte dos grupos que dan forma ao cartel en cada edición levan a firma da discográfica ferrolá, creada en 2015. Desde entón, suman xa máis de cen grupos, converténdose xa nun referente dentro do panorama musical galego e acadando diferentes recoñecementos no ámbito do underground da comunidade.
“É certo que nos últimos anos experimentamos un importante crecemento”, destaca Fernando, froito do intenso traballo do seus dous socios, que o sábado día 24 deste mes celebrarán o oitavo aniversario do seu proxecto.
Faráno na Sala La Room, cunha festa que contará coas actuacións dos grupos Copa Turbo e Músculo así como dos dj Occy e Fatfish. Será a partir das 00.00 horas e as entradas teñen un prezo de 8 euros (poden ser adquiridas na propia sala ou na web www.ataquilla.com.
Antes desta cita, a festa estará este mesmo sábado en Canido, escenario desde o que que o público poderá gozar dun atarceder envolto na música dos tres artistas que darán o pistoletazo de saída a un programa para o que o seus promotores reivindican algún apoio institucional, colaboración que só chegou, lamentan, na súa primeira edición.