Soraya García: “Como docente, síntome moi responsable á hora de traballar cos nenos”

"Breixo e o monstro Lume" preséntase hoxe en Narón
Soraya García: “Como docente, síntome moi responsable á hora de traballar cos nenos”
Soraya García, co seu primeiro libro I Jorge Meis

En “Breixo e o monstro Lume”, o debut no eido do libro de Soraya García que hoxe ás 18.00 horas se presenta na Biblioteca de Narón, conflúen as inquedanzas que desde nena veu cultivando no seo da familia. A música –é profesora no Conservatorio Xan Viaño– era até o de agora a súa faciana máis visible. “Levo pintando desde pequeniña as historias que miña nai me contaba cando me metía na cama”, lembra. “O que máis me chamaba a atención eran os debuxos e despois na miña mente ía recreando o que me relataba miña nai”, engade. 


Desde entón non deixou de pintar. “O que máis me gusta é a natureza e os animais no seu hábitat. Chegou un momento no que tiña tanto feito que pensei que estaría ben compartir cos demais”, polo que deu un paso adiante. “Comecei a presentarme a concursos, facer pequenas exposicións e traballos que a xente me encargaba”, apunta. 


Foi en 2021 cando a idea de “Breixo e o monstro Lume” tomou forma. “Tiña moitos debuxos de paxaros e ocorréuseme a idea de intentar facer un conto con todo ese material no que os protagonistas sexan animais”, asegura. Soraya aliouse entón con Ángel Mherlo, encargado do texto. 


O libro, dirixido principalmente a nenos e nenas de catro a oito anos, ten un carácter didáctico en moitos aspectos, nomeadamente o medioambiental. De feito, o protagonista é un paxaro que vive unha aventura apaixoante nun bosque. Pero a mensaxe do libro ten outras derivadas. “Levo moitos anos no ensino e gústame que todos os nenos e as nenas teñan as mesmas oportunidades”, subliña, “para gozar da lectura dun conto infantil e por iso tivemos sempre presente a diversidade”. Hai, por iso, unha edición especial (ademais das versións en galego e castelán), elaborada, indica a coautora, conforme ao protocolo da Xunta para as persoas con dislexia e outras dificultades específicas de aprendizaxe”. Así, o conto nesta terceira edición está impreso cunha tipografía e tamaño de letra axeitados, espaciados concretos e outros recursos como cores “para facilitar a comprensión lectora. Tamén estamos en contacto coa Asociación Galega de Axuda á Dislexia (Agadix) e a Fundación Ingada, que amosaron moito interese polo libro porque ao parecer hai pouca literatura infantil con estas características”. 


Ese coidado reflicte que a literatura é para Soraya García “unha ferramenta moi fermosa para transmitir arte, coñecementos, valores... E eu, como docente, síntome moi responsable á hora de traballar cos nenos”.

A experiencia é positiva para os autores e, de feito, xa traballan noutros proxectos, como adiante Soraya García. “Estamos a compoñer unha música, xunto con outros colaboradores, para facer unha versión en audio-libro e tamén concertos didácticos”.


O libro está autoeditado e pode mercarse a través de Amazon e en librarías como Cantón4 e Central Librera de Dolores en Ferrol; Day e Galicia en Narón, e Brétema en San Sadurniño. Ademais, co material que non puido entrar no libro fixeron uns cadernos que tamén poden mercarse nestes puntos de venda.

Soraya García: “Como docente, síntome moi responsable á hora de traballar cos nenos”

Te puede interesar