Stephy Llaryora, actriz e produtora | “Sempre nos gusta tratar os temas delicados ou sesudos como este, dende o humor”

Stephy Llaryora, actriz e produtora | “Sempre nos gusta tratar os temas delicados ou sesudos como este, dende o humor”
Stephy Llaryora interpreta a Sonia en "Neura" I Cedida

Esta é a terceira ocasión na que a artista sobe ao escenario do Jofre, todas elas a través da súa propia produtora, De Ste Xeito. Aínda que tamén é especialista en interpretación fronte á cámara, a vida de Stephy Llaryora foi dirixíndose ao campo teatral.


“Ao meu corpo parece ser que lle gusta estar vivindo as cousas en directo e contactando con xente máis carnalmente”, expresou a produtora e actriz.


En 2018, Llaryora xa actuara no teatro ferrolán con “Loló & Mamá” e a súa derradeira función neste espazo corresponde a  “Feminíssimas”, unha obra que conecta coa que veñen presentar esta vez na súa intención de facer rir ao público.


Esta última produción, “fala de todo o debate interno do feminismo pero tamén dende a comedia e a ironía”, continuou.


“É un elemento que convive nas nosas vidas e nos permite mirar desde unha distancia maior, quizáis, e tamén poder entender máis profundamente algunhas das cousas que suceden”, comentou Stephy Llaryora sobre este recurso.


“O humor é unha linguaxe que utilizamos bastante na compañía De Ste Xeito”, avanzou a intérprete, que no caso de “Neura”, xustifícase na utilidade “curativa” de rirse dun mesmo.


Así, “Neura” defínese como unha comedia neurótico-festiva na que, segundo relatou a protagonista, realízase un tratamento do tema da saúde mental dunha maneira amable, sen entrar en enfermidades nas que esta perspectiva sería moi difícil.


Co seu compañeiro de escena Sergio Macías, “temos unha comunicación no ámbito cómico moi especial e sempre nos gusta tratar os temas delicados ou sesudos, como pode ser este, dende o humor”, xa que “pensamos que é unha vía terapéutica”.


Os personaxes de Edu e Sonia, aos que dan vida estes dous actores, debuxan personalidades totalmente contrapostas. “Por un lado temos a el, que ten TOC, Trastorno Obsesivo Compulsivo, e é unha persoa moi ordenada, de rituais e moi conservadora”, describiu a profesional.


A personaxe de Stephy Llaryora representa o contrario a través do seu propio trastorno. “Ten unha ciclotimia e os seus estados de ánimo transitan moito entre arriba e abaixo”, ademais de que sempre está buscando emocións fortes”, narrou.


Por medio das dúas personalidades, repasan todas as terapias realizadas e “outras cousas que probamos os seres humanos cando estamos na pesquisa da saúde mental” como poden ser a homeopatía ou a regresión.
Para preparar os papeis, os creadores contaron co asesoramento profesional da pscicóloga María Teresa González, da clínica viguesa Conversa. Dentro do “proceso de creación colectiva, con improvisacións e demais, sempre tivemos seguimento dela para non peter a pata”. 

Stephy Llaryora, actriz e produtora | “Sempre nos gusta tratar os temas delicados ou sesudos como este, dende o humor”

Te puede interesar