O parque fluvial de Freixeiro será o escenario, este sábado, do gran evento do Jazz de Ría. Trátase dunha xornada completa que abarcará numerosas actividades durante todo o día, e que inaugurará, ás 13.30 horas, o grupo de orixe ferrolá Demo Rumudo.
As bases de Demo Rumudo retrotráense ao 2020, aínda que a formación actual, xa consolidada, creouse fai dous anos. Nestes momentos están inmersos no proceso do que será o seu segundo traballo, que contan con rematar a final de ano, sempre pendentes de que todo saia segundo o previsto, xa que se trata dun equipo que autoproduce todos os seus temas, un método no que atopan algunhas vantaxes económicas e de liberdade creativa.
O quinteto está formado polos ferroláns Hugo Martínez, que se ocupa do teclado e a composición; Ángel Rodríguez á batería e Gabriel Sima na guitarra, ademais do saxofonista de Espasante Álvaro Fernández e o baixista ourensán Andrés Real. “Experimentabamos con todo tipo de música, non só co jazz, porque todos os compoñentes do grupo teñen raíces distintas dentro da música”, explica o teclista, que ademais dedícase á docencia neste eido na Escola da Vaca, sobre os seus inicios como agrupación no local de ensaio.
Os integrantes xuntaban cada un deses xéneros dos que procedían e o froito foi unha mistura musical que foron enfocando cara o jazz e a improvisación. Este foi o xermolo para comezar a compoñer e ir poñendo as ideas en común, que foron resultando nos temas co carácter único que presenta Demo Rumudo. “Aquí cada compoñente ten a súa historia”, relata Hugo Martínez. Ángel Rodríguez, técnico de son no profesional, vén do mundo do tech metal ou extremo, que desenvolve no grupo con base en Ferrol chamado Ruinas.
Tamén membro doutras bandas, Gabriel Sima “ten moita mestizaxe” porque disfruta dende o rock clásico até o jazz, en concreto o chamado “manouche”, cuxas orixes están estreitamente ligadas a músicos de etnia xitana, como Django Reinhardt, que de feito tamén adoita coñecerse como “gypsy” jazz. Falando de si mesmo, Hugo Martínez non pode escoller entre ningún destes xéneros, xa que na súa traxectoria foi compaxinando todos eles coa música tradicional. “Esas ideas están en común e máis ou menos pódense percibir cando nos escoitan”, indica o teclista sobre as influencias destes compoñentes.
Ao inaugurar a súa andaina durante a pandemia, as posibilidades de difusión mediante concertos eran limitadas, así que comezaron apuntándose a concursos como o dos Estudios Mans, na Coruña, no que competiron contra Leticia Rey, outra das protagonistas do Jazz de Ría, que pechará o programa deste ano na Praia do Baleo. “Ao final gañou ela, foi un merecidísimo premio porque é unha artistaza”, manifestou Martínez.
Do mesmo xeito, grabaron varios vídeos musicais no estudo de Manuel Maldonado, en Perlío, antes de sacar o primeiro EP “Consecuencias” fai dous anos. Nese momento xa comezaron a ofrecer sesións en directo, sobre todo pola comarca de Ferrol e territorios dos arredores como Cedeira, aínda que tamén noutros escenarios do ámbito galego.
Segundo expresou Hugo Martínez, o grupo ten moitas ganas de participar no Jazz de Ría e está especialmente encantado de que conten con eles debido á importancia que atopa na representación local dentro dos eventos, “porque moitas veces tiramos de xente de fóra, que non é de Galiza por exemplo, e aquí hai moito talento”, concretou nomeando a zona de Ferrolterra.
Quen se interese por Demo Rumudo, observará os impactantes deseños cos que identifican tanto este primeiro disco como algúns dos carteis e videoclips. Trátanse das obras de ilustración e animación realizadas pola artista ferrolá Gairah Praskovia, que foi multipremiada a nivel internacional polo seu traballo. “Consecuencias” está formado por tres cancións de longa duración, que presentan inspiracións de artistas como o guitarrista estadounidense Pat Metheny.
“Probamos a mezclar un montón de ritmos complexos”, resultando nuns sons que Martínez encaixa nos conceptos de experimental con “moito grado de improvisación”, posto que existen pasaxes onde cada músico vai creando en vivo sobre unha base. “Buscamos saírnos da norma e experimentar coa música, porque para min e para todos os demais penso que é súper divertido”, detalla o compositor. A pesar deste carácter libre, “todo ten unha estrutura, cada parte da canción está delimitada”, aclara.