É posible que haxa termos tan explotados no debate ou propaganda cultural da nosa cidade que sexa necesario revisalos para fuxir de lugares comúns sen ningún significado real. Sen dúbida o modernismo ocupa un lugar destacado entre eles. Temos rutas e celebramos días internacionais, feiras ou semanas do modernismo. Curiosamente, a nivel institucional adoita realizarse desde a área de Turismo e, coma se dunhas xornadas gastronómicas se tratase, en demasiadas ocasións semella unicamente un estímulo para atraer visitantes. Isto non está mal, pero sinceramente un pobo non se coñece a si mesmo dun xeito tan superficial.
O modernismo é un movemento que xorde nos últimos anos do século XIX e os primeiros do XX en toda Europa. Adquire denominacións diferentes segundo a xeografía, seguramente a máis coñecida sexa art nouveau, xa que o centro cultural do vello continente é Francia e está profundamente vinculada cunha clase social que, como consecuencia da Revolución Industrial e a expansión do comercio, toma o papel de motor social e mecenas da arte, a burguesía.
Este novo e forte poder precisa dotarse dunha imaxe propia para presentarse en sociedade. Mira cara a un lado e cara a outro e toma o camiño do medio. Se o academicismo semella aburrido e superado, as novas formas que xorden das vangardas históricas resultan demasiado radicais e revolucionarias e mesmo vencelladas ás veces a outra clase emerxente na época, o proletariado, que presenta intereses económicos e políticos antagónicos.
En tempos vertixinosos a alta sociedade encérrase nunha especie de burbulla, un espazo para o gozo dos sentidos, para o hedonismo, e o estilo modernista proporciónalles esa sensación de confort. Coas súas liñas curvas froito da inspiración e estilización das formas orgánicas, especialmente de natureza vexetal. Cos seus acabados recargados e luxosos, nin un centímetro sen decorar, as súas asimetrías –por iso os edificios de Rodolfo Ucha na nosa cidade presentan en tantas ocasións diferenzas formais entre as distintas plantas–, o novo movemento resulta o escaparate máis oportuno para vestirse de éxito social.
O movemento ten ademais unha concepción global e prodúcese unha democratización entre as distintas disciplinas artísticas: se importante é a fachada dun edificio, non menos destacada é a cubertería dos domingos. Así, os creadores vólcanse coa mesma intensidade en solucionar un cadro como en resolver o cartaz do espectáculo do momento no Jofre.
É nestes eidos –a ilustración, a escenografía ou a pintura– onde destacan outros dous veciños da comarca, Camilo Díaz Baliño e Felipe Bello Piñeiro. O primero marca con forza a imaxe gráfica da Galicia do momento mentres o segundo foxe das marxes do lenzo para nos legar esa extraordinaria decoración integral que atopamos na “pecera” do Casino.
Para conseguir abranguer tan amplo campo plástico requírese duns artesáns cualificados, problema que en Ferrol, coa súa tradición de construción naval, está resolto. Carpinteiros ou forxadores aplícanse con intensidade en crear esas formas sinuosas tan recoñecibles nas nosas rúas. O modernismo esfórzase tamén en conseguir uns espazos públicos fermosos para pasear e vivir. Dáselle grande importancia ao mobiliario urbano; farolas e papeleiras decóranse e xa que non temos bocas de metro coma nas grandes capitais europeas, si temos mar e construímos unha espléndida nave do mercado para o peixe.
Aqueles tempos de ledicia remataron mal en Europa. A I Guerra Mundial foi o primeiro e terrible golpe de atención de que era difícil pasar unha vida de festa en festa. Non é o mesmo construír que reconstruír e, non nos enganemos, a liña recta é moito máis barata en arquitectura. Novas escolas como a Bauhaus en Alemaña dinnos que “menos é máis” e, ao abeiro dunha maior conciencia social, despóxanse de tanto adorno. Apoiados na produción industrial e nun coidado e limpo deseño pretenden estender certa calidade de vida a sectores da poboación xeralmente máis esquecidos. A arte como ferramenta de transformación social.
Afacerse á boa vida é doado; prescindir dela é moito máis complicado, así que nos anos vinte o espírito do modernismo resístese a morrer e, influído polas novas ideas e as formas do cubismo ou o espírito do futurismo, xorde a art déco, moito máis xeométrico pero igualmente luxoso. Non é por tanto un final traumático, de tal xeito que mesmo hoxe en día nalgúns momentos confúndense ambos movementos. Se difusos son os límites entre distintos estilos que practicamente conviven no tempo, máis complicado resulta distinguir nunha cidade pequena coma a nosa. O modernismo, o eclecticismo, a art déco ou o racionalismo –e mesmo os seus híbridos– conviven nas nosas rúas e prazas. O propio Rodolfo Ucha firma proxectos de todas as variables posibles e outros arquitectos como Nemesio López Rodríguez súmanse á festa.
Tristemente, algúns dos mellores exemplos do periodo como o Cine Callao ou a Fábrica de Lápices desapareceron para sempre.