A unidade de Docencia do CHUF e o endocrino Diego Bellido reciben recoñecementos

A unidade de Docencia do CHUF e o endocrino Diego Bellido reciben recoñecementos
Foto de familia dos premiados en Compostela

Os V Premios Redacción Médica á Sanidade de Galicia premiaron nun acto, na tarde de onte en Santiago de Compostela, á Unidade de Docencia da Área Sanitaria de Ferrol, inserta na Rede de Comisiones de Docencia de Galicia-Redega, pola organización do III Congreso de Formación Sanitaria Especializada de Galicia, que tivo lugar no mes de xuño, proposta como unha das candidatas na categoría de Docencia. Destacaron tamén, na categoría de Acción Médica, ó especialista e responsable de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Diego Bellido Guerrero.

 

Estiveron nominados nestes galardóns, destacando entre outras iniciativas, o centro de saúde de Narón, na categoría de centro sanitario; e o Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do CHUF, polo seu proxecto de dixitalización dos partogramas, proposto neste caso como un dos candidatos na categoría de Achega Tecnolóxica.

 

Esta publicación sanitaria especializada organiza estes V Premios co obxectivo de poñer en valor o traballo realizado polos profesionais sanitarios e as diferentes entidades; e recoñece, a través desta actividade “Premios Redacción Médica á Sanidade Autonómica”, o labor que realizan os principais axentes que integran o sector sanitario dunha determinada comunidade autónoma: hospitais públicos e privados, centros de atención primaria, sociedades científicas, investigadores, ou asociacións de pacientes, entre outras. Tal e como eles mesmos indican, Redacción Médica “selecciona os candidatos máis destacados de máis dunha ducia de categorías e, posteriormente, un prestixioso xurado composto por diversas personalidades da sanidade española elixe os gañadores de cada unha das devanditas categorías”.

 

 

 

Formación transversal e ampla traxectoria en endocrinoloxía

 

O Congreso destacado nestes galardóns tiña entre os seus valores que establecía a docencia e a formación de xeito transversal e multiprofesional, de aí o lema abrindo horizontes superando barreiras, e con propostas novidosas. Con catro talleres precongreso; seis foros simultáneos, catro mesas simultáneas e tres mesas redondas, nas que se uniron titores e residentes abordaron como manexar o desgaste titorial e a xestión de conflitos, e a simulación. A través da gamificación, nun scape room, titores e residentes deberán resolver xuntos unha serie de plantexamentos, obrigándolles a abordar xuntos as diversas cuestións.

Por outra banda, os máis de 220 asistentes a este encontro divídense en foros e analizaron a situación da docencia e a formación nos distintos ámbitos: o dos titores, residentes, coordinacións de enfermaría, xefes de estudo, secretarías, e colaboradores docentes, sacando conclusións de cada grupo, que se presentaron ó final do encontro a modo de conclusións.

 

Dedicaron especial atención ás especialidades menos visibles, como os PIR, BIR, QUIR ou FIR; e houbo un taller específico sobre xestión documental, tempo, e traballo en equipo para o persoal administrativo que conforma as unidades docentes. Abordaron a importancia da investigación a nivel sanitario, e a comunicación e implicación de tódalas persoas vencelladas á docencia e á formación.

 

Ponse en valor a Docencia na Área ferrolá, con ampla traxectoria. Recollían o premio os representantes dos distintos ámbitos da formación. O presidente da Comisión de Docencia, Ramón López de los Reyes, afirmaba que se “recoñece non só o esforzo extra” se non tamén “a ardua tarefa dos titores”. Agradeceu a toda a Unidade de Soporte ó Coñecemento (USCO) a implicación.

 E remataba, “a docencia require un esforzo colectivo constante e este recoñecemento motívanos para seguir aprendendo, ensinando e tratando de mellorar a sanidade pública de Galicia”.

 

Por outra banda, destacaron o labor do responsable de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo ferrolá, Diego Bellido Guerrero, que foi galardoado polas súas investigacións sobre a obesidade e a enfermidade crónica adiposa (EMCA). De feito, vén de publicar un libro relacionado con todo iso. Este profesional era nomeado en novembro presidente da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO), na Asamblea do XX Congreso nacional desta sociedade científica, e conta con ampla traxectoria no ámbito da investigación, da publicacións e de implicación en proxectos nacionais e internacionais.

 

 

 

Partogramas e centro de saúde de Narón

 

Destacou tamén neste encontro como nominado o Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do CHUF, que completaba no pasado ano a dixitalización dos datos clínicos asociados ó proceso de parto: o partograma, que é toda a información cardiotocográfica, un documento no que se inclúen tódolos datos procedentes da monitorización perinatal, como, entre outros moitos, a frecuencia cardíaca fetal e as contraccións, ou tamén a progresión da dilatación. Ata ese momento, cando unha muller estaba en proceso de parto, ou cando se lle facía unha monitorización perinatal por algún factor de risco, tódolos datos de seguimento rexistrábanse nun partograma en papel.

 

Este partograma cuberto de forma totalmente manual quedaba depositado na historia clínica. Coa aparición da Historia Clínica Electrónica, facíase xa dende o ano 2014 un escaneado deste partograma para incorporalo ó expediente da muller en formato dixital. Na actualidade, co proceso de dixitalización elaborado tralo traballo conxunto de Servizos de Informática e de Xinecoloxía, tódolos datos adquírense empregando un sistema informático, conformando en orixe un partograma electrónico, e incorporados e accesibles á propia rede, que permite o seguimento da paciente dende os propios monitores e tamén en diferentes puntos do Servizo, e non só na sala de monitorización onde esta a muller. Ademais, este proceso xera unha base de datos para futura extracción e explotación estatística dos mesmos mellorando a calidade nesas atencións. Só se pode mellorar se se sabe o que se está a facer e este sistema permite un seguimento moito máis doado e completo.

 

Por último destacaron, situándoo como centro sanitario finalista tamén entre outros, ó centro de saúde de Narón, un dos máis grandes da Área. Con preto de 35.800 tarxetas sanitarias, realízanse nel nun ano máis de 13.000 actos médicos, 10.400 actos de enfermaría, 2.242 de Pediatría, 910 de matronas, máis de 1.200 de odontoloxía e hixiene bucodental, 1.500 de farmacia e 160 de traballo social.

 

A unidade de Docencia do CHUF e o endocrino Diego Bellido reciben recoñecementos

Te puede interesar