Unha anécdota nun bar serviulle a Vicente Araguas para artellar o libro de relatos breves co que debuta na editorial Galaxia. O escritor de Xuvia-Neda volve botar man da súa capacidade de observación e da súa memoria prodixiosa neste “O lugar onde vou” que hoxe ás 19.00 horas se presenta no Ateneo Ferrolán, acompañado por Xoán Rubia.
Como xurdiu o libro?
Un día, nunha destas miñas andainas, aparecín aí nun bar en Cabalo Branco. Era verán e había sobre todo homes xubilados e tamén unha camareira na barra que ao parecer ao día seguinte comezaba as vacacións. Os paisanos querían saber onde ía ir, e ela todo o tempo dicía “o lugar onde vou”. Non quixo dicir o sitio. Alí pasaron cousas, unhas pasaron e outras invéntoas. O título vén precisamente de aí.
Pódese dicir que é un libro autobiográfico?
Non o é, pero si que recollo situacións, lugares e momentos que vivín... Desde Cabalo Branco a Xuvia-Neda, pasando por Roma, Santiago... Son os meus lugares recorrentes. É dicir, é un libro mixto, coas miñas referencias, escrito nun estilo realista, que é o que eu practico, aínda que ás veces salte un pouco tamén á fantasía. Hai tamén algún relato de terror e algunha referencia familiar, como ao meu tataravó, o Caldeireiro. É dicir, eu estou falando de toda a miña vida, como normalmente fai a xente, aínda que escriba literatura fantástica. Un fala, como dicía Unamuno, do que ten máis de man, que é un mesmo. Todos temos unha intrahistoria e a partir de aí vas elaborando, no meu caso coa axuda da observación. Eu son unha persoa bastante solitaria, pero a partir desa soidade é onde extraio esa compaña da xente do común.
É un chisco máis nostálxico que os anteriores?
Non creo. Nalgún relato aparece a historia e tamén me interesa a literatura de terror. Edgar Allan Poe e Lovecraft son dous dos meus mestres. En fin, que nos seus case quince relatos hai unha mestura, menos centrado xeograficamente que o meu anterior libro de relatos, “Xuvia-Neda”, aínda que eu non lle teño ningún medo ao local porque é o meu espazo.
Que lle permite a narrativa que non lle permita a poesía?
Cada vez fago poesía máis narrativa. Para min, todo é un corpus, todo está centrado. Actualmente estou exercendo de profesor de poesía no colexio Logos de Las Rozas. Agora vai saír un libro meu en español que se titula “Enseñando poesía en la escuela”, con exemplos prácticos, explicando o meu método didáctico e cunha antoloxía do que fan os cativos, que intuitivamente van moito máis aló que os adultos. Penso que narrativa e poesía están integradas. Se escribes todos os días, como é o meu caso, ás veces o corpo vaiche pedir unha maneira e ás veces outra, aínda que a miña tendencia actual é poesía narrativa e, de feito, teño un libro traducido ao portugués, “Basilio de Brito ha vuelto a Lisboa”, que se basea en “O primo Basílio” de Eça de Queirós, que traducín ao español.
Cada vez fago poesía máis narrativa; para min, todo é un corpus, todo está centrado
Dispón agora de máis tempo?
Como dicía a miña irmá María, durmo pouco... Non é certo que teña máis tempo. Durante dez anos escribín, como sabes, unha columna diaria neste xornal: levantábame ás 5.30 horas. Cando me preguntaban que de onde sacaba os temas, respondía que o día que non os tiña, saía á rúa e xa tiña un porque a vida é literatura, e viceversa. Eu concíboas así.
Cre que está no seu mellor momento creativo?
Eu penso que si, con toda sinceridade, aínda que poida parecer unha “boutade” pola miña parte. Penso que estou no meu mellor momento. A técnica hai que tela para logo esquecela. Ao principio escribía máis a partir do sentimento e das lecturas, pero a técnica non era moi depurada e penso que neste momento si conseguín depurala. Tamén é certo que empecei tarde a escribir; era letrista de cancións, pero esa é outra historia. O meu primeiro libro non apareceu publicado ata que tiven 28 anos, logo non fun nin moito menos un neno precoz na escrita.
Escribe en castelán, portugués ou inglés, pero o galego segue a ser a súa lingua de referencia malia vivir en Madrid...
A miña produción en español é minoritaria verbo da galega. O galego é unha lingua universal! Mira: agora vai saír nunha editorial de Ocaña, Toledo, un poemario meu en galego. De feito, a miña colaboración na prensa galega é o 90% en galego.
Para rematar, o lugar onde sempre volve é Neda...
Neste momento teño tres referencias na miña vida: Neda-Ferrol; Majadahonda, porque aínda sigo aí; e Olomouc, en Moravia. Onde saco tanto tempo? Pois a cuestión é durmir pouco, as cousas como son, e coidarse. Eu nado 2.000 metros cada día.