Xabier Romero: “O que escribe Oroza é chamánico e está totalmente vixente”

O lilbro-homenaxe "Oroza 100" preséntase este martes (19.30 horas) no Torrente Ballester
Xabier Romero: “O que escribe Oroza é chamánico e está totalmente vixente”
Xabier Romero e Carlos Oroza, nun acto hai case unha década I Cedida

O Centro Torrente Ballester será o escenario da presentación, esta tarde –19.30 horas–, do libro de homenaxe “Oroza 100” (editorial Elvira), unha iniciativa da asociación Évame Oroza que preside Xabier Romero. 

 

Como xorde a idea de artellar unha homenaxe a Oroza con tantas colaboracións? 
En Vigo levabamos tempo traballando para termos unha asociación cultural na honra do poeta que naceu hai dous anos co nome de Évame Oroza. Está no Casco Vello alto, nun local moi bonito e cheo de actividades. Nesa contorna, antes de ter o local e a asociación, xa existía a editorial Elvira, onde o poeta editara os seus últimos libros. Xuntouse un grupo de xente, como Antón Lamazares, Patiño, Menchu Lamas ou toda a familia Novoneyra, moi vinculada a el e que estaban empurrando para facer algo con Carlos. E, co gallo do centenario do seu nacemento (1923, Viveiro) xurdiu a idea de reunir a toda a xente que nos fala de Carlos e que o admiraba e o quería. Así que, que mellor que facerlle un libro onde cadaquén bote unha mirada sobre as súas experiencias con Oroza? Naceu nunha conversa, comezamos a chamar a xente coa pretensión de que non pasase das cen persoas, pero ao final son máis colaboracións, case todas escritas pero tamén debuxo e pintura. Sorprendeunos a resposta e ver o moito que se lle quere a Oroza en Galicia e fóra. Foi un labor tremendo porque editar un libro con tantas persoas involucradas non é doado, pero é moi enriquecedor porque ves as diferentes olladas que hai sobre el.

 

Ese éxito de convocatoria denota unha dimensión humana moi potente...
Moi potente, si. Foi un poeta oral, probablemente o mellor do século XX en castelán. Pódeche gustar máis ou gustar menos a poesía de Oroza, pero escoitalo é sempre un pracer. Como anécdota direi que recentemente chegaron á asociación unhas cintas gravadas con varios recitais seus nos anos 70 que teñen unha calidade estupenda e que estamos a recuperar. E é unha cousa tremenda. Eu asistín a moitos deles na última etapa da súa vida. Pero é que ademais era moi querido. Tiña moi mal humor ás veces, pero detrás desa figura hai unha persoa chea de sensibilidade: non podía ser doutra maneira en alguén que escribe as cousas que escribiu.

 

Para unha persoa que non coñeza a Carlos, que lle diría para que se introduza no seu universo?
Se tes a sorte de escoitalo (na web de Évame Oroza pódese facer) verás que o que escribe Oroza é chamánico; tanto, que a súa poesía hoxe está totalmente vixente. Di Manolo Rivas que o mellor poema antifranquista que el coñece sen nomear o réxime é o seu “Prohibido el paso”. Hoxe está totalmente de actualidade porque se pode aplicar a Palestina, por exemplo. El dicía que a súa poesía é unha soa obra, e é verdade: desde o principio ao final, é un só poema que foi evolucionando co tempo, coa vida, coas experiencias. Carlos segue a ser un poeta moi actual. 

Xabier Romero: “O que escribe Oroza é chamánico e está totalmente vixente”

Te puede interesar