“Neste segundo disco vense aínda máis cancións rapeadas, máis ‘soft-spoken’, referencias ao pop dos 80 e tamén destacan os catro temas coa participación das Atalaias de Caión”. Así describe o segundo traballo de Zavala a única integrante de Ferrol, Carla Romalde, que realmente o definiu como un “peche de capítulo” que se estreara con “Pequeno Manual Para Grandes Cambios I (Teoría e Práctica)”, ambos da man de Ferror Records.
Zavala preséntase como un proxecto imposible de encaixar nun único estilo, algo que xa se advirte no primeiro lanzamento, no que confluíron melodías tan diversas coma o pop ou a música popular moderna, nalgúns casos con sons que lembran estéticas como as de Delafé y Las Flores Azules, tal como exemplificou a protagonista de orixe local.
Agás esta artista, que se ocupa da voz, amais de tocar a frauta traveseira, o resto de membros proceden de distintas zonas da Coruña. O equipo complétase co piano e os coros de Elena Zas, que ademais é violista aínda que polo momento non se rexistra nos temas de Zavala; Víctor Ledo na composición, na guitarra e na creación das bases electrónicas, das que tamén se encarga Carlos Castro “Kos”, así como da produción e os audiovisuais.
Por definición, a agrupación está “sempre en continua evolución, en busca de estilos e fusións novas, cunha base electrónica pero tamén acariñados polo popular ás veces”, segundo indica Romalde. Ese último tinte intensifícase nas cantigas nas que colaboran as Atalaias de Caión, entre as que se atopa o sinxelo titulado “Santa Marta”, que constitúe un dos catro adiantos do disco, recén saídos do forno, dispoñibles xa “en Spotify e no resto de plataformas”.
En relación con este tema, o grupo, coa maior parte dos integrantes da Coruña, tamén dedica outro a Santa Cruz de Oleiros. Así pois, a elección da canción “Santa Marta” foi “unha forma de visibilizar Ortigueira, ese sitio tan precioso e ao que eu fun tantas veces”, sinala Romalde, que dá conta do obxectivo xeral de crear algo que lembre á “nosa terriña” e da “importancia de que todo saiba a mar nesta zona norte da que todos somos”, referíndose aos seus compañeiros.
O que non tivo ningunha intencionalidade foi a coincidencia pola que incorporaron a súa primeira colaboración cunhas cantareiras, xustamente no ano no que se lles dedican as Letras Galegas polo seu labor de transmisión da poesía popular oral. “Xa as temos gravadas dende fai moito tempo e cadrou así”, indica a cantante sobre os catro temas nos que participan as Atalaias de Caión, que achegan un son máis “de raíz”, no que se van advertindo claros “guiños ao tradi”.
A constante transformación “é algo que destacan de nós a crítica e os divulgadores musicais”, matizando que a fusión non é tanto unha característica propia da banda, dado que este é un trazo que xa adoita refulxir a electrónica. Pola contra, o que verdadeiramente distingue esta proposta é que “nun só disco, é algo estraño que teñas temas de rap, de repente pases ao pop, a outros máis líricos, a música popular, a cantareiras con Zavala…”, relata.
Trátase dun particular que non fai máis que poñer de manifesto a flexibilidade, ademais do talento, dos que dispoñen tanto Carla Romalde coma os outros intérpretes, e que pretenden continuar transmitindo nas súas creacións. “Este é un peche de capítulo de cara a novas sonoridades xa moito máis cañeiras, máis rapeadas, máis reivindicativas, con moita máis base electrónica e moitos máis sintetizadores”, avanza sobre o futuro terceiro disco.
Estas ansias por falar do que está por vir cando aínda nin está no mercado o segundo disco, “Pequeno Manual Para Grandes Cambios II (Teoría e Práctica)”, corresponden coa ambición propia coa que nace este proxecto musical, que pretende non perder o ritmo. “Non queremos esperar moito, gústanos sacar un disco cada pouco tempo, como os grupos dos 80, que sacaban un por ano, pois máis ou menos”, bromea Carla Romalde.
A través da denominación destes volumes, “Pequeno manual para grandes cambios”, destacan a reivindicación que realizan nas súas letras, pensando nas persoas “que máis sofren na sociedade”, nun contexto que se crea a partir das máis mínimas aportacións individuais. Neste sentido, non só nomeou a loita contra o machismo que se pode entrever nas súas mensaxes, senón tamén a defensa de colectivos marxinados coma os LGTBIQ+ ou “xente que está en exclusión social por temas económicos”.
“Víctor é un letrista impresionante, para min é un filósofo”, declara Carla Romalde, que explica que todos eses contidos dálles forma despois de realizar unha investigación moi profunda, temas íntimos que combinan con outros sobre o día a día.
Carla Romalde é profesora de Primaria especialista en Educación Especial, así como en Música, dadas as carreiras que cursou en Frauta Traveseira e Canto Lírico. Esta última titulación rematouna no Conservatorio Superior da Coruña, aínda que comezou a súa formación artística no Xan Viaño de Ferrol.
A profesional leva toda a súa vida competindo en certames líricos tanto nacionais como internacionais, sobre os que sinalou que “tiven moita sorte porque ao presentarte a eses concursos podes cantar en teatros da talla do Rosalía, o Colón, o Principal de Santiago ou tamén no Jofre”.
O primeiro contacto entre os membros do grupo veu a raíz de que Víctor Ledo fora un dos membros do tribunal de oposición que lle tocou a Carla Romalde, en 2019, pola especialidade de Música. Uns meses máis tarde, este integrante de formación “completamente autodidacta, un músico boísimo”, tal como destacou a cantante, contactou con ela para poñer voz ás numerosas composicións que xa tiña preparadas para Zavala.
Entre aqueles primeiros temas, todos en galego, había unha enorme variedade de estilos que incluían “tanto música popular, como pop, música electrónica ou máis pensadas para rapear”. O dúo inicial non deu forma completa ao proxecto até que sumou as súas amizades, Elena Zas e “Kos” Castro, creando un conxunto que en novembro do 2023 xa sacaba o seu primeiro disco.